O rexedor dixo que “son momentos difíciles dos que só sairemos ben se actuamos con prudencia e facendo as cousas ben, como as fixemos ata estes últimos anos, polo que fomos merecedores outro ano máis destes galardóns: para As Catedrais, Os Castros-As Illas e o paseo entre As Aceas e o Faro. Pero agora temos que demostrar este verán que o seguimos facendo ben. Aí está este esforzo económico impresionante que fixemos desde o Concello nestes momentos complicados contratando a 28 persoas, entre socorristas, técnicos sanitarios e persoal de limpeza, para coidar da vida dos bañistas, da saúde das persoas cando vaian a espazos comúns, como son os aseos, onde por certo estreamos nas Catedrais e nos Castros un método que nin no Ritz nin no Hilton nin en ningún hotel de 5 estrelas ten, que é unha limpeza individual logo de cada uso por cada persoa”.

E engadiu: “en definitiva para facer o verán máis agradable aos de aquí, aos que nos veñen ver, porque queremos demostrarlle ao mundo con feitos que somos un lugar seguro, que Ribadeo é o mellor sitio para estar e que todos estamos comprometidos en facer as cousas ben. O mesmo que pedimos que os veñan vernos que fagan as cousas igual de ben ca nós”.

Tamén foi izada esta mañá a bandeira azul en Os Castros-As Illas.