O rexedor sinalou hoxe que “estamos intensificando nesta temporada de verán e damos cumprimento a boa parte das expectativas que hai sobre os camiños, vías públicas municipais, tanto na vila como nas parroquias”. Fernando Suárez asegurou que “as parroquias viron nos últimos meses como os seus camiños e as súas pistas se deterioraban por mor das intensas chuvias caídas durante todo o inverno. Eses camiños estaban regular e pasaron a quedar en moi mal estado. De aí que agora teñamos varios plans en marcha. Temos o fondo estatal de inversión local no que toda a corporación decidimos asignar unha boa parte deses fondos á reparación de camiños en todas as parroquias da concello. Hai dúas empresas traballando, unha nas parroquias do interior e outra na costa e que intensifican o seu traballo coa chegada do bó tempo o que lles permite traballar sen parar”.

O alcalde segue a explicar que “temos o plan extraordinario de Medio Rural que quedou do anterior goberno da Xunta. Un plan moi importante no referido a amañar camiños que proviñan da concentración parcelaria. Tamén temos o plan de obras e servizos que o levamos entre a Deputación e o Concello así como o plan estratéxico de infraestructuras do Medio Rural. Penso que neste 2009 imos ter a maior inversión nun ano en toda a historia do Concello, pero con todo non é dabondo, con todo non é suficiente, polo que coa brigada municipal de obras tamén nestes días (a semana pasada e ésta) estamos a tapar baches naquelas vías de comunicación, que ben porque non se van facer agora mesmo ou porque ainda van tardar un pouquiño, estamos actuando neses baches para que non vaian a máis e para que os vehículos poidan transitar dunha forma cómoda e segura”.

Fernando Suárez agarda que “ao finalizar o verán volte a normalidade ás vías e parroquias de Ribadeo e tamén a vías urbanas como poden ser a rúa Camilo Barcia que estaba nunha situación lamentable, Irmáns Moreno, a Avenida de Luarca que se amañará nesta temporada e que cando dé comenzo o curso escolar quedarán en perfecto estado de revista, como está a ocorrer no entorno do colexio das monxas tanto na rúa Carlos III como na rúa Lazúrtegui… En fin que á volta deste verán recuperen a normalidade as vías urbanas da vila de Ribadeo como as vías públicas rurais das parroquias do noso concello”.