Fernando Suárez dixo que “debo mostrar a miña máis agradable sorpresa por ver cómo o salón de plenos se quedou pequeno na tarde de onte, xa que desbordou as expectativas máis optimistas. Unhas 170 persoas foron as que se achegaron para ter información de primeira man sobre as parcelas do polígono industrial de Ribadeo”.

O rexedor suliñou que “nesta reunión aberta e explicativa non só contamos cos responsables da área de comercialización de SEPES, que é a empresa pública do Ministerio de Vivenda que xestiona o polígono, senón que tamén quixemos contar cunha técnica do IGAPE e da xerente do Leader da Mariña. Alí se deu información sobre o prezo das parcelas e condicións de venda, sobre a financiación, sobre o plan Impulsa Lugo que contempla unhas axudas tanto de bonificación dos tipos de interés e como de axudas directas para a adquisición de terreos, instalación de maquinaria…”. Suárez Barcia considera que “foron moi importantes as axudas que se explicaron tanto por parte do Leader como por parte do IGAPE. E a intención do Concello é tentar que todo o mundo participe no que é e vai ser un dos mellores polígonos de toda a comarca da Mariña e do Occidente asturiano, con moito respecto para os demáis, pero ningún se atopa tan estratéxicamente situado ao pé dunha autovía, e beneficiándose dunhas axudas tan importantes que poden reducir sensiblemente os custes iniciais de adquisición de parcela, construcción de nave, etc…”.

O alcalde ribadense manifestou que “no momento económico tan complicado que toca vivir na actualidade, estas sinerxias entre a Xunta, o Ministerio de Vivenda e o Concello redundarán en que as actividades que se monten no polígono industrial de Ribadeo teñan un bó futuro por diante”.