Arante
Parroquia situada no extremo sudoeste do municipio que limita polo norte coa da Devesa, polo leste coa de Cedofeita e polo noroeste coa de Covelas, co río Lexoso neste último caso facendo de fronteira natural entre as dúas. Polo oeste linda xa co municipio de Barreiros e polo sur co de Trabada.
Ten unha superficie de 14.09 km2, unha poboación de 246 persoas (
INE 2007) e unha densidade de 17,45 habitantes/km2 que a converte na parroquia que presenta o valor máis baixo do municipio no que a este indicador se refire. Os seus veciños distribúense en 8 entidades de poboación: O Barredal (22 habitantes), Os Bestilleiros (22), Cei (42), Cima de Vila (16), Fondo de Vila (22), A Ponte (9), Remourelle (89), Vilamariz (24), e 5 lugares que forman parte de Remourelle: Os Fornos, A Madanela, As Pereiriñas, Portobragán e Rego de Mel.
Arante é unha das parroquias máis montañosas de Ribadeo, pero ten dous vales importantes: o do río Grande, no sector central, e o do Lexoso, ao norte, onde se agrupa a maior parte da súa poboación. A altitude máxima desta parroquia chega aos 440 metros.
Algo de historia
A parroquia de Arante aparece citada en varias ocasións no libro de Francisco Lanza
Ribadeo Antiguo (1931), onde se cita a existencia dun castro levantado sobre un montículo natural. Trátase das mámoas ou medorras situadas no monte Pena Longa, nas proximidades de Remourelle, que destacan por ser as únicas coñecidas en todo o concello.
Durante o reinado de Filipe II, Ambrosio de Morales conseguiu unha autorización real para profanar estes túmulos, nos que se imaxinaba que atoparía grandes riquezas; é moi probable que as escavacións efectuadas fosen en realidade desa época. Os túmulos de Pena Longa terían entre 6 e 8 metros de diámetro e entre 3 e 5 de alto -un deles está escavado na propia rocha- e a datación que se lles supón sitúaos entre o 1800-1700 e o 600-500 a.d.C, ou o que é o mesmo, no neolítico, incluíndo a idade do bronce e a do ferro.
Equipamentos
- Escola de Remourelle
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que conta con equipamento informático e acceso gratuíto a internet.
- Teleclube de Arante
Local que forma parte da Rede de Telecentros de Ribadeo e que dispón de equipamento informático con conexión gratuíta a internet.
Festas