Concello de Ribadeo


Compartir:

Poboación


Ribadeo posúe na actualidade 9.704 habitantes distribuídos en 12 parroquias. Ofrecémosche aquí un breve resumo da evolución histórica da súa demografía e dos trazos que mellor definen a poboación actual.

Segundo o último padrón oficial (INE, 2007), Ribadeo alcanza nestes momentos o seu máximo histórico de habitantes, con 9.704 persoas, cifra que indica que o concello tivo un saldo positivo de 857 habitantes dende comezos do século XX (8.847 en 1900) ata hoxe.

O ascenso demográfico non foi, con todo, continúo, senón que se contabilizaron tres momentos de recesión. O primeiro deles produciuse na década 1910-20, como consecuencia da primeira vaga de emigración a países de ultramar, mentres que o segundo, que se prolongou entre 1940 e 1970, se explica de novo pola emigración, sumándose tamén nesta nova etapa, como lugares de destino, as grandes cidades industrializadas de España e Europa.

Logo dunha lixeira recuperación na década dos 70, motivada sobre todo polo aumento da natalidade, volveuse producir una pequena recesión entre 1981 e 1991 de xeito que, neste último ano, se rexistraba a cifra máis baixa de habitantes de todo o século XX: 8.761.

Dende entón a evolución demográfica de Ribadeo defínese por un certo estancamento, aínda que con tendencia á alza.

Os habitantes no territorio

A densidade de poboación do municipio é de 89,1 habitantes por quilómetro cadrado, unha media que supera notablemente á comarcal (43,5) e á provincial (36), ocupando así o posto número 7 entre os concellos lucenses de maior densidade. Con todo, sitúase algo por debaixo da media galega (93,7).

A distribución territorial dos habitantes é bastante desigual e, malia que a poboación se atopa bastante dispersa, a maior concentración localízase en Ribadeo, cunha densidade de 2.540 habitantes/km2. O resto das parroquias municipais presenta un grao de dispersión alto salvo nos casos de Vilaselán, Ove e Rinlo, que teñen unha parte das súas entidades concentradas arredor do núcleo urbano de Ribadeo, fusionándose con este e presentándose como parte da súa zona de expansión.

Arante, con 17,45 habitantes por quilómetro cadrado; Santalla de Vilausende, con 20,26; e Cedofeita, con 24,4, son as parroquias que presentan as densidades de poboación máis baixas.

Algúns indicadores demográficos

Rúa Rodríguez Murias



© 2008 Concello de Ribadeo