O alcalde, Fernando Suárez, manifestou que “queremos dar a coñecer desde o goberno municipal unha serie de datos de multas, de sancións de tráfico da Policía Local que aínda que nun principio poida parecer negativo realmente non o é tanto”.

Fernando Suárez contou que “quixemos facer unha comparativa entre o que levamos de ano do 2016 xunto co mesmo período do ano 2015, e vemos que o número de denuncias por infraccións de tráfico no ámbito urbano de Ribadeo baixou sensiblemente. Foi aproximadamente un 35%, dado que no período de xaneiro a xuño do ano 2015 foron 451 denuncias e neste mesmo período de 2016 foron 302”.

O rexedor ribadense engadiu que “en canto ao domicilio dos infractores maioritariamente son tanto da provincia de Lugo como de fora da provincia, situándose neste ano nun 62% fronte ao 37% de Ribadeo”. Fernando Suárez salientou que “a gravidade das multas maioritariamente son leves tendendo a diminuír. O tipo de infracción máis común son os estacionamentos prohibidos sobre todo en liñas amarelas, zonas reservadas para carga e descarga e tamén un número importante de denuncias son por non poñer o tícket na zona ORA. Realmente non é nada caro, pero moitas veces pola comodidade de non ir a polo tícket á máquina, ás veces se xeran multas que non queremos, pero que é inevitable”.

O alcalde tamén relatou que “o tipo de vehículos maioritariamente denunciados son os turismos”. A rúa na que se rexistraron máis infraccións foi Doutor Moreda con 48, seguida de José Vicente Pérez Martínez con 36, a praza de abastos con 36, a praza de España con 31, avenida de Galicia con 22, Rosalía de Castro con 20 ou avenida de Asturias con 19.

Fernando Suárez móstrase satisfeito porque “todas estas cifras están en descenso notable e iso tamén quere dicir que hai unha preocupación da cidadanía e dos condutores de intentar facelo o mellor posible, e isto augura que durante este ano serán moitos menos os infractores. Seguramente repuntará na época estival, como é lóxico aquí e en calquera outro lugar”.

Diante destes datos Fernando Suárez dálles os parabéns aos condutores: “sempre hai excepcións negativas por suposto, pero en xeral intentan facelo mellor día a día. Desde o Concello recadamos menos, pero neste caso non nos importa para nada e estamos satisfeitos de que siga sendo así e de que o número de denuncias siga baixando”.

Das 302 multas tramitadas pola Policía Local 204 foron por infraccións leves, 97 graves e 1 moi grave. 182 multas foron impostas por estacionamentos prohibidos en xeral como zonas reservadas, prohibidas, liñas amarelas… 108 por estacionamentos en zonas reguladas con disco horario, 3 por condución neglixente e 2 por conducir utilizando o teléfono móbil.