Na oficina de Turismo entregáronse estes días máis de 350 credenciais do viaxeiro, “unha acuarela que levan todos aqueles que fixeron o percorrido que vai entre As Catedrais, pasando por Rinlo, Illa Pancha, O Cargadoiro e chegando a Ribadeo. Para facerse con ela deben mostrar no móbil ou nunha cámara dixital unha foto de cada unha desas localizacións. Desde que puxemos en marcha esta iniciativa o ano pasado levamos entregadas preto de 2.500 credenciais, que é unha cifra que non está nada mal”.

Ana Martínez sinala que “así pretendemos atraer cara Ribadeo aos turistas que acoden á praia das Catedrais, para que vexan e coñezan outros puntos, outros lugares moi fermosos que temos no noso concello como poden ser Rinlo, o faro da Illa Pancha ou toda a zona do Cargadoiro. Ribadeo ten moito que ofrecer e queremos amosarllo a esas miles de persoas que ano tras ano peregrinan ás Catedrais”. Neste areal estanse a rexistrar estes días miles de visitas, mostra diso é que o aparcadoiro está repleto. A edil de Turismo advirte que “de seguir a este ritmo en agosto xa non sabemos qué poderá pasar, a zona e a praia chegarán a colapsarse en calquera momento”.

A edil nacionalista engade que “na oficina de turismo estamos a contabilizar estes días máis visitas que ano pasado, pero de estancias máis curtas”.