Suárez Barcia explicaba esta mañá que “no tempo que levo de alcalde creo que foi do máis duro que puiden ver pola cantidade de incidencias simultáneas na vila e nas parroquias, ver árbores caídas, sinais de tráfico deitadas, algunha das farolas novas absolutamente partida, chemineas de edificios que caían e incluso esa cuberta dunha vivenda da rúa Rodríguez Murias que caeu na vía pública. Alegrámonos moito de ter suspendido o percorrido da cabalgata de Reis, aínda que naquel momento houbo incluso queixas dalgún veciño, pero alegrámonos moito de que non pasara por aí o percorrido da cabalgata porque senón igual puidera ter acontecido algunha desgraza que logo tivéramos que lamentar”.

O rexedor engadiu que “agora despois de toda esta tempestade ven a calma e ven o tempo de empezar a amañar toda esta desfeita. Mesmo na praza de abastos municipal varias chapas da cuberta caeron e agora está entrando auga. Estamos amañando coa brigada de obras todo isto, o que nos vai levar unha temporadiña dado que foron bastantes as incidencias, espalladas tanto pola vila como polas parroquias, que non se van dar amañado dun día para outro. Pedimos á poboación que teña paciencia, que nos saiba comprender dado que a situación non foi dun ciclón senón que foi dun auténtico furacán”.