O rexedor explicou que “o lume declarábase aproximadamente ás dez da noite e quedaba extinguido pasadas as dúas da madrugada. Toda a noite houbo xente alí mollando, humedecendo todo este terreo afectado en Noceda na parroquia da Devesa en Ribadeo. Afectou a unhas catro hectáreas de monte baixo, de piñeiro e de eucalipto”.

Suárez Barcia dixo que “eu non podo precisar si son provocados ou fortuitos, aínda que moito me extrana que poidese ser fortuito este caso, xa que estamos a falar dunha zona de moi difícil acceso. Agradezo a colaboración prestada polos veciños, polo Grumir de Ribadeo, polos voluntarios de Protección Civil, pola Policía Local, pola Garda Civil e por Medio Rural da Xunta. O meu compañeiro Vicente Castro e un servidor estivemos alí ata ben entrada a madrugada, ata que todo estivo controlado”.

O alcalde de Ribadeo lembrou que “o incendio producíuse nunha zona onde hai poucas semanas ou días houbo un conato e afortunadamente quedou neso grazas á intervención tan rápida dos efectivos alí desprazados. Isto quere dicir que neste país a época de incendios non coincide co verán, realmente cando hai máis perigo é agora nestes meses de setembro, outubro e novembro. Agardemos que agora veña a auga e nos disipe toda esta preocupación que temos”.

Fernando Suárez subliñou que “grazas a que Ribadeo ten uns servizos bós de Protección Civil, de Grumir, temos dous camións motobomba… quero agradecerlle ao persoal da Xunta o traballo realizado porque o fixeron moi ben, pero quero destacar que como hai moi poucos efectivos da Xunta tardaron moito en chegar. Isto é si non tivésemos servizos propios de Protección Civil ou do Grumir o incendio de Noceda tería unhas consecuencias moitísimo máis graves, moitísimo máis elevadas das que se chegaron a producir”. O rexedor ribadense agarda que “á Xunta, con este ansia de recortes tan grande que ten, non se lle ocurra tocar os servizos de seguridade. Un concello coma o de Ribadeo non pode estar pendente ou só ter á súa disposición un parque de bombeiros en Barreiros, que está moi ben e todos o queremos, pero con 10.000 habitantes de poboación tanto rural coma urbana, que non estean atendidos por servizos propios non se entende. A experiencia de incendios destes últimos tempos en Ribadeo di que cando chegan os outros servizos, que se necesitan, que os valoramos e que os agradecemos, xa están as lapas controladas tanto nos lumes nas parroquias como nos urbanos”.

E insistiu en agradecer “o traballo realizado por todos os que esta noite estiveron en Noceda, houbo xente que se quedou toda a noite vixiando e refrescando o terreo afectado. Debemos tomar nota de todo isto para que moitas veces cando se fala de recortes, recortes e recortes, non nos damos conta de que poden afectar á seguridade pública, espero que non sexa así”.