Fernando Suárez manifestou “un profundo desgusto e unha profunda rabia e tamén preocupación por este novo conato de lume que se produciu onte á noite, na parroquia de Ove, concretamente na N-640, sempre nos mesmos puntos, aproximadamente a carón da ría de Ribadeo na zona entre o vial e máis o cantil. Sistematicamente se producen nesa zona, máis ou menos. Nos últimos anos, non sei cantos van pero deben ser preto de trinta, e sempre é igual, de noite e cando hai algo de vento seco, sobre todo vendaval”.

O rexedor subliñou que “temos a sorte de que a colaboración cidadá sempre está aí, protección civil de Ribadeo como no caso de onte co noso camión de bombeiros, a garda civil tamén e o axente medioambiental de distrito que se achegou. Sempre acabamos extinguindo o lume, pero un día quizais non sexa así e teñamos que lamentar desgrazas maiores”.

Suárez Barcia declarou que “eu non sei que graza lles ten acabar co patrimonio natural, coa flora e a fauna, poñer en perigo a liña de tren de Feve e o propio persoal humano que extingue o lume en sitios tan escarpados. Eu confío en que a este bicho que anda prendendo lume lle agarde o peor. Espero que algún día seguramente vai caer e a xustiza se fará cargo del”.

O alcalde de Ribadeo apela “á cidadanía que se hai algo que ve, porque isto xa se pasa de castaño escuro, que llo comunique ás autoridades dos corpos de policía para que fagan un seguimento estreito, porque é algo inédito que nunha parroquia haxa sistematicamente máis conatos de lume que no resto da Mariña xunta. É algo que non pode ser, polo tanto, dicir que entre todos imos acabar con este ou con estes malos e que o cerco se ten que estreitar si ou si”.