O rexedor contou que “esta pasada noite foi complicada en Ribadeo por mor de dous lumes: o primeiro empezou nos montes da Devesa arredor das oito da tarde, pero cando todos os medios estaban por alí tivemos outro incendio, neste caso moito máis pequeno, en Ove. Desde logo a min non me coce xa esta situación, pois sempre que hai vento seco acaba habendo conatos de incendio, que non van a máis, como no caso de Ove, pero que no de Noceda é complicado e neste momento aínda seguen as labores de extinción do incendio e continuarán durante todo o día a pesar de hai hidroavións e outros medios”.

Fernando Suárez dixo que “a superficie queimada en Ove foi aproximadamente dunha hectárea, pero en Noceda neste momento xa van queimadas polos menos 20 hectáreas”. O alcalde de Ribadeo engadiu: “supoño que alguén estará investigando estas circunstancias que a min preocúpanme e que desde logo eu non vexo fortuítas nin moito menos. Non teño ningunha proba para por enriba da mesa, pero desde logo o coñecemento empírico e a tradición que se dá aquí en Ribadeo, sobre todo nunha parroquia concreta, dáme que pensar. E eu espero que quen ten responsabilidade nisto vaia estreitando o cerco”.

O rexedor quixo “darlle os parabéns a todos os que estiveron traballando durante todas estas horas: ao persoal de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, tamén ao persoal do Concello, á Policía Local, a Protección Civil, á Garda Civil, que estiveron durante toda a noite dando o mellor de si e con todos os medios que temos dispoñibles; concretamente o Concello de Ribadeo participou cos tres vehículos municipais que temos para isto. Esperemos que isto sexa unha mala pasada e que dentro de pouco tempo estea todo absolutamente controlado”.

Arestora do mediodía (15 horas) o lume de Noceda segue activo. Os hidroavións volverán a actuar nas próximas horas.