Con esta exposición ponse o broche final ao que foi un ano de traballo para 36 mulleres no eido tecnolóxico e social, que amosarán cada unha delas unha fotografía. ‘Olladas de Muller’ está feito por fotógrafas principiantes que se converteron en mestras na arte de amosar a súa realidade diaria de xeito persoal e significativo. A través destas instantáneas o público poderá gozar dun espectáculo visual de tendais de sabas brancas, que nos achegan aires de frescura e sinxeleza de distintas paisaxes e xeitos de vida a través dos traballos de mulleres de Ribadeo, Vilar de Santos e A Illa de Arousa.
A exposición vai acompañada da presentación do libro Olladas de muller e lapis de home, que pretende reunir cunha imaxe de cada unha delas as súas olladas sobre a realidade e facelo chegar así, de xeito conxunto, a outros puntos da nosa xeografía. Non é un catálogo de fotografía ao uso, senón fragmentos de vidas de mulleres atrapadas nas páxinas dun libro e comentados por homes que, dun xeito ou outro, forman parte da mesma, pero á vez distinta, realidade.
Esta exposición estivo no Museo Verbum de Vigo en marzo e en xullo poderá verse no Forte San Damián, ata o 14 de xullo, en horario de 11:30 a 13:30 polas mañás e de 17:30 a 20:00 polas tardes.
A inauguración, que terá lugar hoxe ás oito e media da tarde, contará coa presenza das autoras das fotografías, que falarán da súa experiencia neste proxecto.