O rexedor dixo que “recentemente esta xunta directiva dos concellos da Reserva da Biosfera, na que está incluida Ribadeo, aprobamos unha serie de axudas para a corrección de impactos ambientais a través dunha liña que sacamos hai varios meses. Desde Ribadeo presentáronse 23 solicitudes e 21 foron aprobadas, para o arranxo de hórreos, lucido e enfoscado de cabazos, substitución de uralita por lousa, etc… o importe total de axuda pública ascende a 91.000 euros, que irán parar aos solicitantes destas axudas, coa condición de que teñen ata xuño para realizar esas obras e xustificalas, segundo os modelos que lles estamos a remitir estes días”.

Suárez Barcia engadiu que “dentro dun tempo cando estas obras estean feitas, cando os hórreos e os cabazos estean amañados será tamén unha maneira de ver o noso patrimonio privado, pero que enriquece tamén ás nosas parroquias, mellor. E isto danos alas para que neste 2011, a través desta asociación de concellos que temos constituida, levar adiante outra nova liña de axudas con esta filosofía, que vemos que ten moi boa acollida tanto en Ribadeo coma nos outros concellos da Reserva da Biosfera. A intención é manter os mesmos criterios, ou si cadra ampliaremos algúns máis”.