Veiga dixo que “asistimos á consolidación dun evento que permitirá desfrutar do deporte a mozos e mozas que representarán á totalidade de clubs de baloncesto da xeografía lucense”. O vicepresidente da Deputación destacou “o esforzo que se fai polo baloncesto feminino desde o CB Ría de Ribadeo, que xa temos colaborado con eles en máis ocasións. E este terceira Copa de Baloncesto de Base é un referente en toda a provincia e tamén exemplo para outros sitios que seguen con detemento o que se está a facer no deporte base en Lugo”.

Antonio Veiga dixo que “si queremos ter unha mocidade sa e comprometida ten que ser educada nos valores do deporte. Iso é o que están a facer tanto desde o Concello como desde O CB Ría de Ribadeo. Encantados de estar aquí e parabéns aos dous polo seu traballo”.

Por parte do CB Ría de Ribadeo tomou a palabra José Antonio Sama, que manifestou que “como club anfitrión estamos moi contentos de que este volva a Copa Deputación para aquí. Dentro do traballo que estamos facendo no club para nós é moi importante traer estes eventos. Acabamos de estar con todos os cativos facendo unha foto e todos os equipos do club van participar nesta Copa Deputación, un total de 9 equipos, co cal para nós ser anfitrións axúdanos a seguir promovendo este deporte aquí. Agradecer á Deputación que volvan aquí, a Ribadeo. Iso significa que o ano pasado tratámolos ben e estiveron a gusto co cal para nosoutros oxalá que a cuarta, a quinta e a sexta edición siga celebrándose aquí”.

E o concelleiro de Deportes, David Rivas, sinalou que “para o Concello de Ribadeo tamén é motivo de satisfacción acoller un evento deportivo destas características fundamentalmente por dúas razóns: a primeira é que o club de baloncesto Be One Ría de Ribadeo está facendo un excelente traballo cos seus equipos e estamos convencidos de que esta fin de semana competirán a un moi bo nivel; e o outro motivo é que pasarán por Ribadeo 53 equipos, case 600 deportistas que estarán durante o sábado e o domingo xogando ao baloncesto nos dous pavillóns deportivos case durante 10 horas continuadas”.

O edil nacionalista agradeceu “dende o Concello tanto á Area de Deporte da Deputación de Lugo como á organización que nos dea esta oportunidade de seguir traballando na dinamización do deporte de base, no que Ribadeo empeza a converterse nun referente non só pola cantidade de deportistas que temos senón tamén pola súa calidade e resultados deportivos en todas as disciplinas. Desde o Concello queremos dar a benvida a todos os clubs asistentes, aos nosos veciños mariñáns, aos da Chaira e aos de Lugo sur, que estamos convencidos de que darán un moi bo espectáculo este sábado e este domingo”.