A edil Mariluz Álvarez Lastra sinalou que “entendíamos hai oito anos e seguimos a pensar agora que a mellor forma de atallar a violencia de xénero é con moita prevención. Os obxectivos e bases nas que se asenta Un futuro por compartir en igualdade son os mesmos, pero varían cada ano as formas de implementación da campaña e os métodos utilizados para dirixirnos ao alumnado. Imos facendo cambios e adaptándonos aos novos gustos e usos da sociedade”.

A concelleira de Igualdade subliñou que “quizáis este ano demos un xiro e centramos moito as actividades no aspecto teatral, na música e tamén na radio. Outros anos centrámonos nos guións cinematográficos e este anos quixemos poñer en valor outro medio de comunicación como é o caso das radios, que ao mellor para os alumnos e alumnas dos centros participantes son máis descoñecidos. É un xeito de recoñecer tamén a ese medio e de empregalo para difundir tamén as mensaxes e os traballos que se fagan e darlles a opción de participar dese medio”.

Para Álvarez Lastra “a satisfacción de poder grabar un programa de radio, de  poder ir a uns estudios, de grabarse e de escoitarse é un xeito de probar algo novo, de probar este medio”. Os nenos de 2º e 3º de infantil disfrutarán de contos narrados e de participación activa como os que se están a desenvolver na biblioteca municipal durante os sábados do mes de novembro.

Os nenos e nenas de primaria traballarán o teatro con obradoiros dirixidos a alumnos de 4º, 5º e 6º. En total participarán neles 261 rapaces, que estarán coordinados por María Inés Cuadrado, actriz e narradora oral. Estas actividades desenvolveránse os días 19 e 20 de novembro. “Os profesionais que traemos ou ben temos referencia directas ou información previa para tentar garantir o éxito das actividades”, explicou a concelleira de Igualdade.

Os alumnos de 3º e 4º de ESO participarán nun concerto acústico con Sés, Mª Xosé Silvar, “que xa tivemos a oportunidade a través doutro curso que se fixo en xuño de disfrutar dun concerto, de poder falar con ela e de ver a súa rama pedagóxica”. As charlas de Sés e o concerto que ofrecerá co seu guitarrista serán o día 23 de novembro entre as 10:30 e as 12:30 da mañá. A esta actividade acudirán 256 rapaces e rapazas de ESO.

A novidade deste ano Radiando igualdade, “trátase dun concurso de guións radiofónicos que deberán facer os alumnos e alumnas participantes. Terán un período de formación, outro de elaboración e despois chegará a posta en escea. O alumnado co apoio do profesorado e persoal técnico será o propio protagonista do deseño dun programa de radio. Elexirán o formato: tertulia, entrevista, informativo… e farán a montaxe de todo o programa, desde o guión ata a súa emisión en directo”.

Na oitava edición de Un futuro por compartir en igualdade participan os colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón, o IES Dionisio Gamallo Fierros e o ciclo de FP Porta da Auga.