O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, explicou que “o Concello de Ribadeo este ano, dadas as circunstancias sanitarias,  opta por celebrar este Mercadiño de Nadal, que será mais reducido aínda que máis estendido no tempo coincidindo co Nadal, en lugar do xa tradicional Mercado de Nadal que tiña lugar na ponte de decembro”. 

Vizoso Galdo dixo que “a convocatoria está  dirixida a persoas artesáns, produtoras  con capacidade para exhibir e vender produtos, creacións ou elaboracións do Nadal e no que terán unha maior presenza produtores e artesáns locais ou de zonas próximas. Así tamén se reservará un 20 por cento do espazo dispoñible, sempre que sexa posible, á gastronomía”.

As  persoas interesadas en participar poden consultar as bases aquí, na web do Concello, ou poñerse en contacto coa Área de Desenvolvemento Local de Ribadeo. Para tomar parte do mercado é requisito cumprimentar a documentación e presentala no rexistro do Concello antes do 4 de decembro. Asemade as persoas interesadas poden solicitar información complementaria dirixíndose tamén á Área de Desenvolvemento Local.