Un dos concursos gastronómicos con máis renome de Galicia.

inicio_ribadeotapeo

A edición de 2024 chega con novidades como a tapa máis sostible, “aquela elaborada nun 50% con produto local e que a organización comprobará a través da trazabilidade dos alimentos. Aproveito a ocasión para agradecer a colaboración de Eo Alimenta, que proporcionou asesoramento á hostalería e posibilitou unha rede de contactos entre os hostaleiros e as persoas produtoras da zona. Ademais con esta nova categoría desexamos poñer en valor a produción local e agroecolóxica apostando pola sustentabilidade nos tres eixos: o ambiental, o social e o económico”, explicou Marta Saiz, a concelleira de Turismo e Comercio.  

A maiores da tapa + sostible, no Ribadeo de Tapeo tamén haberá propostas doces, veganas, vexetarianas e sen glute. Os premios serán outorgados por un xurado profesional e tamén polo público, que poderá votar nas urnas que atopará nos locais participantes ou a través da aplicación do Ribadeo de Tapeo na que deberá rexistrarse. Para poder votar será obrigatorio ter degustado 5 tapas, para elo deberán ir selando o cartón ou para aquelas persoas que voten a través da aplicación deberán ir escaneando as tapas que degusten a través do QR que atoparán en cada local. As  persoas que participen poderán acceder a moitos premios. 

O alcalde, Dani Vega, e a edil Marta Saiz animan “a ribadenses, ás veciñas e veciños de toda a contorna, de Galicia e de Asturias, e os visitantes que a fin de semana se achegan a Ribadeo, a gozar do noso concurso gastronómico. Seguro que se van sorprender coas propostas que a hostalería ten preparadas. Contaremos ademais os días 21 e 28 con música en directo. Mañá no porto de Porcillán e o vindeiro domingo na rúa San Francisco, haberá sobremesas culturais… temos por diante 8 días de actividades arredor do Ribadeo de Tapeo. Agardamos que as desfruten”.