O alcalde ribadense, Fernando Suárez, aludiu á figura “dun persoeiro ilustrado adiantado ao seu tempo que foi asasinado ás portas de Ribadeo polo populacho víctima dun momento histórico. Enfrontóuse aos sectores máis reaccionarios dunha sociedade que se debatía entre o antiguo réxime ou coller un novo tren”. Suárez lembrou que “”báñez naceu nun concello asturiano o de Santalla de Oscos, madurou e fixo fortuna en Ribadeo e tivo unhas factorías de fundición en Cervo. Esto ilustra un pouco o que puido ser e non foi de parte da nosa historia recente do que a xente do común sabe máis ben pouco”. O rexedor de Cervo, Alfonso Villares definiu ao Marqués de Sargadelos coma “un home que nos ensina o afán de superación, de innovación, de creación, que nos estimula a seguir cara adiante… Quédome coa imaxe dun constructor e loitador de sonos incansable, que viu truncado o seu camiño no ano 1809, pero que precisamente nese momento rematou por converterse nunha apaixoante lenda que queremos convidarvos a coñecer”. Pola súa banda o alcalde de Santalla de Oscos, Antonio Riveras, dixo que Raimundo Ibáñez “é un home dos que faría falta hoxe en día porque vivíu nunha época convulsiva como a que estamos a punto de vivir, agardamos que non sexa así. As ideas de emprendedores e as gañas de traballar dun santiallés de nacimento son moi importantes para esta comarca. Esperamos que hoxe empece unha conmemoración importante ao largo de todo o 2009”.

Os obxectivos e as actividades que se realizarán durante todo este ano son:
 -Estudar a figura de Ibáñez nas súas múltiples facetas: Dirixido polo profesor de Historia Moderna da Universidade de Santiago Pegerto Saavedra, desenvolverase na primeira quincena de xullo un congreso nos tres concellos impulsores. O proxecto suporá tamén a edición de actas e terá como complementario o ciclo de conferencias que en Santalla de Oscos se celebra desde hai anos en outubro.

-Divulgar a súa figura a nivel galego e asturiano, e moi especialmente entre a poboación local dos tres concellos: Realización dun cómic divulgativo para os nenos e nenas que se poida empregar no ensino; realización dun ciclo de 6 concertos de música da época nas súas vertentes clásica e tradicional; teatralización da súa biografía a través do teatro afeccionado mariñán; divulgación do material audiovisual existente sobre o marqués en colaboración coa Axencia Galega do Audiovisual.

-Aproveitar a Ibáñez como recurso cultural e turístico para os tres concellos: O Consello da Cultura Galega vai elaborar un roteiro cultural web a través do portal www.culturagalega.org. Nunha segunda fase e xa da man da Dirección Xeral de Turismo elaborarase a versión física da ruta.

O director xeral de Creación e Difusión Cultural, Luis Bará, abogou porque “todos estes elementos que compartimos Galicia e Asturias no patrimonio e na natureza máis alá dos grandes obxectivos que teñamos para este ano, creo que debemos ir máis alá da figura de Ibáñez para tamén elaborar un proxecto e un programa de traballo que xire arredor deste territorio compartido e todos estes recursos que temos”. O responsable da Área de Cultura da Deputación de Lugo, Antonio Veiga, sinalou que “desde este departamento nesa liña que temos de recuperar todo o patrimonio nesta comarca glosar e analizar a figura de Antonio Raimundo Ibáñez darános pé a falar de cómo vivían os campesinos nesa época, como se industrializou… agora que se fala da economía productiva, esto sí que era economía productiva o que propoñía Raimundo Ibáñez hai 200 anos ao mellor por eso o arrastraron tamén, a algún poder establecido igual non lle interesaba que se rompera o sistema feudal existente naquela época”. E pola súa banda, Isaac Díaz Pardo, presidente de honra da comisión organizadora desta programación destacou que “xentes que coñecen as leis consideran que Raimundo Ibáñez era marqués, porque estaba toda a documentación pendiente da firma de Godoy e do rei e unhas circunstancias fortuitas como foi a guerra impediron que se asinara ese documento… o pobo mesmo lle chamou Marqués e non hai quen lle saque o título de Marqués de Sargadelos”.