O alcalde, Fernando Suárez, contou que “queremos ir un paso máis aló na rehabilitación e na posta en valor do casco vello de Ribadeo, a pesares de que xa hai tempo que nin a Xunta nin o Estado poñen diñeiro para subvencionar as rehabilitacións aos particulares, queremos desde o Concello propoñer unha nova medida económica para aqueles inmobles que teñen unha elevada categoría de protección patrimonial. A nosa experiencia nestes últimos anos evidencia que non se amañan na mesma proporción que o resto de inmobles que teñen un menor grado de protección”.

O rexedor explicou que “queremos propoñer ao pleno o cambio da ordenanza actual para bonificar un 50% o importe da licenza de obra para rehabilitación e un 90% para o caso de que ese inmoble se dedique a calquera actividade xeradora de emprego como hostalería, comercio, oficinas, etc… Isto está pensado para este tipo de inmobles cunha alta protección arquitectónica, que son os que a experiencia nos demostra que non se rehabilitan co paso dos anos”.

Suárez Barcia engadiu que “outra das medidas que queremos levar a este pleno é unha idea que leva funcionando en Ribadeo no casco vello dende hai anos, pero que agora queremos espallar ao resto de edificacións fora do casco vello, en calquera parte da vila ou do resto das parroquias do concello de Ribadeo. É a nosa intención de suprimir os mínimos da licenza de obra cando sexa para pintar as fachadas das vivendas, sempre que sexa só a pintura. Deste xeito, tal e como se fai no casco vello, pagarase polos metros cadrados realmente que se van pintar, o que en moitos casos a taxa a pagar e o imposto de construción e instalación de inmobles, o ICIO, a pagar serán inferiores ao mínimo que agora está establecido aproximadamente en 105 euros”.

O alcalde declarou que “nós queremos que os permisos municipais non sexan unha escusa para non pintar as vivendas, en calquera vivenda da vila ou de calquera parroquia de Ribadeo”.

Fernando Suárez tamén anunciou que “outra proposta que tamén levaremos ao pleno é o incremento da subvención nominativa que este ano se lle vai outorgar á comisión de festas de San Roque e da patroa para organizar estas dúas festas. Como todo o mundo sabe é un grupo moi pequeno de persoas que está facendo un ímprobo esforzo e un traballo de organización tremendo, e que colleu todo isto hai moi pouco tempo, polo que o tempo que queda de verán é realmente pouco para organizar unhas festas minimamente dignas. Polo tanto tamén desde o Concello nos comprometemos con eles en incrementar a cifra que víñamos dando, tendo en conta agora que tamén se van organizar conxuntamente coas de San Roque. A cantidade que había fixada inicialmente sumadas as dúas festas era de 12.000 euros, e pasará agora a 25.000 euros”.