Despois do encontro mantido este mediodía coa xunta de persoal do Hospital da Costa para tratar a reforma da lei de saúde de Galicia, o alcalde ribadense dixo que saíu máis preocupado do que entrou. Fernando Suárez asegurou que non se pode prexudicar deste xeito aos veciños e veciñas de Ribadeo e do resto da comarca suprimindo a área sanitaria da Mariña e convertendo o Hospital da Costa nun apéndice do HULA. O goberno municipal apoiará as mobilizacións que se leven adiante os mércores diante do hospital mariñán e do centro de saúde de Ribadeo.

O alcalde ribadense declarou que “acabamos de saír deste encontro que solicitamos desde o goberno municipal de Ribadeo coa xunta de persoal do Hospital da Costa de Burela, e onde queríamos tratar de primeira man con todos estes representantes do persoal a situación desta modificación da lei de saúde que pretende o goberno autonómico do Partido Popular”.

Fernando Suárez salientou que “no que nos afecta á comarca da Mariña e no que ten que ver con Ribadeo, vaise suprimir a área sanitaria da Mariña e imos ser unha peza máis, un apéndice máis, do departamento de Lugo, da área provincial. Como dicía Rajoy hai tempo cando entraba nunha reunión preocupado, a min tamén me pasa o mesmo se ben entrei preocupado nesta reunión saio máis preocupado polo que alí escotei destes homes e mulleres que durante un tempo longo nos estiveron explicando, á concelleira de Servizos Sociosanitarios, Sonia Meilán, e máis a min, da situación no presente e do que se espera de cómo vai ir evolucionando e as consecuencias negativas, sempre absolutamente negativas, que terán para a poboación da Mariña e especialmente no noso caso para Ribadeo”.

O rexedor manifestou que “se ben é certo que agora no Hospital da Costa calquera que veña pode ver como hai unhas ampliacións, como hai ladrillos, como hai obras, realmente é unha ampliación de espazos que desde logo era necesario, pero non vai haber unha ampliación de servizos nin moito menos. Non vai haber nin ampliación de laboratorios, nin cirurxía vascular, nin quirófanos, nin máis camas na UCI, nin resonancias, nin raios, etc…, o único programa que ten aquí o Partido Popular e o goberno autonómico é unha centralización absoluta de servizos, unha derivación como se está vendo en moitos usuarios ás grandes empresas privadas da medicina, que son os grandes beneficiarios destas reformas lexislativas, e ao mesmo tempo alonxan a sanidade do paciente, incorporándolle un gasto económico para todos aqueles que non somos da capital. Porque aínda que en Ribadeo haxa autovía, Lugo segue quedando a máis dunha hora e iso supón máis os gastos, o que hai que facer cando un ou un familiar se operan alí, as revisións, etc…, o custe que iso supón”.

Fernando Suárez dixo que “á vista de todo isto eu quero manifestar o apoio pechado do goberno municipal de Ribadeo a esta reivindicación contra a supresión da área sanitaria da Mariña. De aí que en todos os instrumentos que teñamos ao noso alcance, o pleno da Corporación, as accións do goberno, a concentración que todos os mércores e que mañá concretamente se fará diante do Centro de Saúde de Ribadeo, e á que acudiremos tamén para demostrarlle ao goberno autonómico que as cousas non se fan así”.

Para o alcalde de Ribadeo “aínda que teñan a maioría absoluta non poden facer as cousas desta maneira, non poden prexudicar aos que menos teñen, non poden prexudicar aos que vivimos na periferia, non poden converter un hospital de referencia como foi sempre durante trinta anos, o Hospital da Costa, nun apéndice do Hospital de Lugo”.

Suárez Barcia amosou “o noso compromiso e o noso apoio contra esta infamia que quere levar adiante o goberno autonómico do Partido Popular”.