Fernando Suárez lembrou pola mañá que “ás 18 horas procederemos ao sorteo destas parceliñas que quedaban vacantes neste proxecto de hortos ecolóxicos que o Concello implantou hai unhas semanas. Así todas aquelas persoas que o quixeron inscribíronse aquí e agora imos facer o sorteo público para ver cal é parcela que lles vai tocar”.

O rexedor ribadense sinalou que “é unha iniciativa moi importante, sobre todo pensando na xente que vive na vila en piso e que quizáis tivo vinculación coa terra, pero que hai tempo que non a tiña, ou en todo caso hai outros que nunca tiveron relación coa terra, pero que queren ensiñarlles aos seus fillos cómo se pranta unha leituga ou como se cultiva unha tomateira. Nós desde o Concello facilitámoslles unha pequena dosis de semente para que poidan facer estas primeiras actividades agrícolas. Hai que lembrar que os produtos que obteñen non se poden vender, senón que teñen que ser para autoconsumo”. Suárez Barcia subliñou que “da gusto ver como as primeiras parcelas están xa cultivadas e cómo nacen os primeiros froitos nestas parcelas que o Concello adxudicou de maneira gratuita a través dun solar que o seu propietario nos cedeu en precario”.

O alcalde manifestou que “desde o Concello queremos que Ribadeo sexa outra vez pionero ao igual que outras grandes cidades que contan con estes hortos ecolóxicos. Aquí na comarca da Mariña é Ribadeo o único que está a levar adiante esta iniciativa tan importante para a xente do ámbito da vila”.