O alcalde, Fernando Suárez, explicou que “hoxe á notiña, a partir das oito da tarde, imos celebrar este acto tan emotivo de renderlle homenaxe aos homes e mulleres que formaron parte das diferentes Corporacións Municipais de Ribadeo en todo este período democrático de corenta anos, de 1979, data das primeiras eleccións municipais democráticas despois da ditadura franquista, ata o día de hoxe 2019”.

O rexedor ribadense subliñou que “nestes corenta anos foron moitas as Corporacións, eu penso que non hai máis alta honra que a de representar aos veciños seus, aos veciños e ás veciñas dun concello, e este acto de lembranza e de memoria compartida quere ser un homenaxe e un recoñecemento nun acto sinxelo, pero ao mesmo tempo sentido e agarimoso”.

Suárez Barcia comentou que “neste acto teremos tamén a participación dos voceiros dos diferentes grupos de goberno da Corporación Municipal actual, así como unhas verbas do cronista oficial de Ribadeo e do ex alcalde da primeira Corporación democrática. Estou convencido que nesta noitiña se vai encher o salón de plenos municipal outra vez, e moitísima xente que nos representou ao longo destes corenta anos de historia democrática hanse sentir reconfortados de estar de novo no salón de plenos municipal”.