“A Xunta de Voceiros do Concello de Ribadeo acorda sumarse á homenaxe cidadá aos loitadores antifascistas Luís Trigo Chao O Gardarríos e Antonia Díaz Pérez con motivo do setenta aniversario do seu asasinato polo franquismo.

Ao tempo, quere ter unha lembranza especial para a veciña de Ribadeo Antonia Díaz Pérez, natural de Vilela, en Cubelas, e residente no lugar de Reverte na parroquia de Piñeira. Morta en Vilanova de Lourenzá con só vinte anos e que entregou a súa vida á loita pola liberdade.

Asemade convida ás veciñas e veciños de Ribadeo a participar dos actos de homenaxe a celebrar en Mondoñedo e Lourenzá o  23 de xuño de 2018”.

Reseña Antonia Díaz Pérez

Antonia Xosefa Liria  Díaz Pérez, naceu o 12 de xuño de 1928 no barrio de  Vilela, en Cubelas, filla de Xosé Díaz Díaz, natural de Obe, e de Rosalía Pérez López, natural de Cubelas, criouse no lugar de Reverte en Piñeira, canda os seus pais e os seus irmáns Francisco, Fidel, Faustina e Lidia. De orixe moi humilde, non tardou en quedar orfa de nai, abandonando pronto a escola para desenvolverse como labrega e xornaleira, pastoreando gando por diversos lugares do Concello de Ribadeo. A súa casa e a súa familia formaban parte da rede de enlaces que prestaban apoio á loita contra o franquismo, motivando, antes do paso de Antonia á clandestinidade, a detención do seu irmán Fidel por colaborar nas actividades de oposición. Aos 18 anos, pasa á clandestinidade xunto ao seu compañeiro sentimental o famoso guerrilleiro Luís Trigo “O Gardarríos”, incorporándose á primeira liña da loita contra o fascismo e colaborando con este na súa actividade de oposición na comarca. Sería asasinada polas forzas da orde, canda Luís Trigo, o 25 de xuño de 1948 en Vilanova de Lourenzá, sendo enterrado o seu corpo nun baldío do cemiterio da vila.