Concello de Ribadeo

Historia

Aquí tes unha breve reseña dos acontecementos máis relevantes da historia ribadense, dende o asentamento dos seus primeiros poboadores ata os nosos días.

Aínda que pouco estudados, hai vestixios que corroboran a antigüidade do poboamento das terras de Ribadeo. Así o demostra o xacemento de Louselas (Vilaselán) onde se atoparon utensilios de pedra que datan do paleolítico. Entre os vestixios máis relevantes destacan tamén os restos das primeiras aldeas ribadenses, representadas polos poboados castrexos de Vilaselán, A Devesa, As Anzas ou Arante.

Neste contexto histórico apareceron fragmentos do famoso diademo de Ribadeo, considerado como a a peza máis importante que se coñece da ourivería castrexa en territorio galego.

O nacemento da vila e do concello

As lagoas informativas, que impiden trazar con máis detalle o devir histórico do termo na antigüidade, desaparecen en boa medida a partir da Idade Media, cando xa se dispón de máis información para reconstruír con fundamento algúns dos seus capítulos máis relevantes.

Cara a mediados do século XII a vila asentábase na enseada da Vilavella, pois o primitivo núcleo de Cabanela e Porcillán foi abandonado fuxindo dos ataque dos piratas nórdicos nos séculos IX e X. Por entón, no 1128 Afonso VII acometeu un reordenamento territorial no que se ampliaron as terras de reguengo á custa das do bispo de Mondoñedo. Por estas datas, no territorio que logo constituiría o alfoz de Ribadeo contabilizábanse 21 parroquias cunha densidade de poboación comparativamente elevada e unha actividade económica en alza.

O rei Fernando II decidiu, en 1183, elevar ao rango de vila o núcleo xa existente outorgándolle un foro cunha serie de privilexios destinados a favorecer o seu crecemento, entre eles a posibilidade de celebrar un mercado. Do interese da monarquía por favorecer a vila dan boa conta outras medidas posteriores, caso da ampliación, en 1202, do arrabalde ou zona rural sometida á xurisdición do núcleo urbano.

Así, Ribadeo foi adquirindo os elementos propios do ámbito urbano, como os conventos de San Francisco ou Santa Clara (siglos XIII-XIV) e mesmo se trasladou alí, por un espazo curto de tempo, a sé episcopal, que volvería a Mondoñedo definitivamente en 1233.

En 1369 o enfrontamento entre Pedro I o Cruel e Enrique de Trastámara rematou coa victoria deste último quen, nun acto de agradecemento, lle outorgou a vila de Ribadeo e o seu alfoz ao cabaleiro francés Pierre de Villaines, pasando así de atoparse este espazo baixo protección real a converterse, para todo o que atinxía ao seu goberno, nun condado. O beneficiario francés vendeullo máis tarde ao condestable de Castela, ao que lle foi confiscado en 1422 por Xoán II e este, pouco despois, doaríallo a Don Rodrigo de Villandrando. El e os seus descendentes deron orixe á Casa Condal de Ribadeo que, posteriormente, por vía de herdanzas e enlaces matrimoniais acabaría incorporándose ao titulo ducal de Hijar ata o século XIX.

A administración municipal do territorio xurdiu por vez primeira coa proclamación da Constitución de 1812, que creou os concellos de Ribadeo e Cedofeita. Trala posterior derrogación deste por parte de Fernando VII en 1823 e a conseguinte restauración do sistema feudal non se volveu a recuperar o municipalismo ata 1835. Con todo, a composición definitiva do termo ribadense, tal e como se coñece hoxe, non quedou definitivamente determinada ata 1843.

A chegada do século XIX marca un punto de inflexión decisivo entre o Ribadeo antigo e o moderno coa desaparición da muralla e doutras construcións que marcaran a vida da vila durante os séculos anteriores. Chegaron outras, moitas aínda hoxe visibles.

Porcillán e o auxe económico ribadense

Noutra orde de cousas, o devir económico de Ribadeo estivo sempre moi ligado ás diferentes etapas atravesadas polo comercio portuario de Porcillán, xa que o porto foi un dos motores da economía local.

Historicamente favorecido como principal porto do noroeste galego, Porcillán centrou a súa actividade no tráfico de madeira con dirección, fundamentalmente, a Sevilla e Lisboa ata ben entrado o século XVIII. A partir dese momento a autorización de importacións sen gravame de liño procedente do norte de Europa fixo que o comercio da madeira perdera relevancia en favor do téxtil, e, en menor medida, tamén do de sal e ferro.

O intenso tráfico da época propiciou a instalación dunha aduana neste porto, así como o asentamento na vila de numerosos comerciantes, a maior parte deles asturianos.

Despois de 1820, cando volveron a gravarse as importacións de liño e Galicia comezou a recibir en masa os tecidos cataláns, o tráfico comercial resentiuse notablemente e, con el, a economía da comarca ribadense. Con todo, Porcillán conseguiu sosterse durante o XIX grazas a que en 1840 se lle permitiu o comercio con América e tamén por mor da diversificación das súas importacións (coiros, abonos…).

A comezos do século XX foi clave para toda a Mariña Oriental a explotación das minas de limonita de Vilaodriz, na Pontenova, que se mantiveron activas ata 1965. A necesidade de transportar o mineral extraído dendo o xacemento ata o porto de Ribadeo propiciou a instalación dunha liña de ferro que foi empregada ao mesmo tempo para o transporte de pasaxeiros e que, malia o cese da actividade nas minas, mantivo este outro uso ata 1964.

O auxe económico ribadense reflectiuse na arquitectura, na apertura de novas rúas e na creación de numerosas sociedades culturais e cabeceiras xornalísticas que proliferaron de xeito especial a finais do XIX e XX.

No século XX

Cara ao 1915 constrúese a Torre dos Moreno, unha das obras arquitectónicas máis características de Ribadeo, edificio modernista que contaba -xa daquela- cun ascensor e sistemas de recollida do lixo por medio de canles internas. É a obra máis recoñecible dunha arquitectura moderna e cosmopolita que deixou gran pegada neste territorio.

Das sociedades que se crearon a principios do século XX aínda existen dúas: a Sociedade Filantrópico Dramática, propietaria do Cine Teatro (onde se organizaban unhas fantásticas veladas con artistas ribadenses como o cantante de ópera Manolo Corés e compañías de fóra); e a Sociedade de Socorros Mutuos A Concordia, unha organización de axuda mutua e protección social.

A inauguración da Ponte dos Santos en 1987 converteuse nun dos acontecementos de maior relevancia dos últimos tempos, en tanto que serviu como elemento dinamizador do sector terciario de Ribadeo, e de toda a comarca, ao facilitar o acceso rápido aos concellos da beira asturiana do Eo.