O concelleiro de Deportes, David Rivas, sinalou que “mañá, 3 de setembro, vai ter lugar a I Heroican Race. Unha carreira de obstáculos organizada por Be One coa colaboración do Concello de Ribadeo na que tomarán parte arredor de 900 participantes de toda a xeografía peninsular”.

O edil nacionalista subliñou que “unha parte desta carreira vai discorrer polo casco histórico, o que implicará a restrición do acceso a vehículos durante varias horas ao longo do día. Os cortes das rúas están xa sinalizados debidamente e a veciñanza está informada”. 

O responsable de Deportes dixo: “sabemos que estas cousas sempre poden causar molestias, pero pensamos que é un evento moi importante para Ribadeo tanto pola espectacularidade do mesmo como polo impulso que lle poden dar á vila esas case mil persoas máis os acompañantes que traian”.

David Rivas quere “animar a toda a xente a que se achegue a algún dos puntos da carreira para ver este espectáculo que se ben aínda non é unha modalidade deportiva moi coñecida aquí, si está medrando en todo o mundo a pasos axigantados”.