No libro, editado co gallo do décimo aniversario do pasamento do que fora director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e máis da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) da vila, recóllense once artigos publicados en prensa e revistas e máis catro programas de man de diferentes concertos da BMR. O obxectivo da edición deste volume é, segundo sinala o presidente de Musiqueando, Suso López, “manter viva a figura e máis o ideario de Hernán e demostrar a vixencia do seu xeito de pensar e de entender o mundo da música, da cultura ou da sociedade”. O punto de partida para a edición deste libro é un traballo de recopilación e clasificación de artigos e reseñas en prensa relativas á figura de Hernán Naval e máis á EMMeD ou á BMR que realizou ao longo de case dous anos Fernando Rodríguez Raño (Fuji). Os textos escollidos foron publicados entre os anos 1990 e 2001 en medios locais (La Comarca del Eo, La Voz de Galicia-A Mariña e El Progreso-A Mariña) así como en publicacións doutro tipo como a revista da Federación Galega de Bandas de Música ou a revista do actual IES Dionisio Gamallo Fierros coa que Hernán Naval colaborou en 1991.

Suso López explica que “os artigos figuran no libro tal e como Hernán os escribiu, tan só foron revisados lingüísticamente e engadíronse unha serie de notas a pé de páxina que consideramos oportunas co fin de aclarar conceptos e para facer comprensíbeis a pesar do paso dos anos algún dos textos”. No proceso de selección dos textos, de corrección, así como de maquetación e deseño participaron de xeito desinteresado unha serie de persoas que tiveron relación con Hernán Naval, tanto a nivel musical coma persoal, en diferentes etapas. Sairán do prelo un total de mil copias do libro que se distribuirán de xeito gratuíto que serán enviados a conservatorios, escolas de música e bandas do país.