O alcalde, Fernando Suárez, comunicou que “sae hoxe publicado no Boletín Oficial da Provincia de Lugo, este anuncio que facemos desde o Concello desta oferta de licitación dunhas obras de acondicionamento da rúa peonil do grupo Francisco Iglesias, no barrio urbano do Xardín”.

O rexedor ribadense salientou que “se trata de levar adiante unha actuación moi necesaria dado que este viario estaba moi deteriorado, estaba feito practicamente dos anos 60, nunca se lle tocou e tiña graves problemas de estabilidade e de estrutura. Imos renovalo integramente, incluído con todos os servizos que leva por debaixo, importando a actuación un total de 28.141euros, que van saír a licitación pública co único criterio de adxudicación ao prezo máis baixo. Para iso todas as empresas ou profesionais interesados teñen 26 días naturais desde hoxe para facer a súa oferta”.

Suárez Barcia entende “todo isto como unha primeira fase dunha actuación moito máis ambiciosa que pretendemos continuar en toda esta zona onde está a Escola Oficial de Idiomas, o parque dos Canapés, etc… Para esta segunda fase xa temos tamén un proxecto redactado con máis importe loxicamente, e tamén temos solicitado unha pequena axuda na Xunta de Galicia. A ver se o teñen a ben e poden colaborar, algo que sería moi bo”.

O alcalde engadiu que “mentres tanto nós seguimos con esta primeira actuación que sufragamos integramente con fondos propios, con fondos municipais”.