O Grupo de Teatro de Ribadeo iniciou no pasado mes de xuño os ensaios da nova montaxe Os putativos, do autor arxentino Hugo Daniel Marcos. O elenco é practicamente o mesmo, agás a actriz de Luarca Carmen Luísa López, que foi substituída polo ribadense Manel Yáñez, que vén paliar o déficit de actores masculinos no grupo.

Logo dun ano representando Lisístrata, o clásico de Aristófanes, o director Toni Deaño elixiu desta vez unha obra moi distinta. Os putativos é unha comedia de enredo que se desenvolve nun hotel, con ritmos frenéticos de entradas e saídas ao escenario e onde se xoga continuamente cos equívocos. O Grupo de Teatro de Ribadeo ten xa dúas actuacións previstas para o outono, unha en Barreiros e outra en Sarria.