A gastronomía terá un papel moi importante na festa Ribadeo indiano, que se celebrará os días 11 e 12 de xullo na localidade. Segundo explican desde a Concellaría de Desenvolvemento Local e Turismo “unha agrupación de hostaleiros, convocados por Acisa e polo Concello, ofertarán degustacións de tapas e racións a prezos asequibles”. Os prezos das tapas oscilarán entre 1 e 2,50 euros e as racións situaranse entre os 4 e os 10 euros. Desde Turismo engaden que “os locais de restauración poderán realizar tamén menús degustación ao prezo que cada un decida”.

“Todos os locais que se integren no evento escollerán a temática propia dun país sudamericano e despois definirán as tapas e racións que ofrecerán relativas á gastronomía de dito país”, sinalan desde a organización da festa Ribadeo Indiano. E engaden que “será importante que a decoración dos locais estea adaptada á festa co obxectivo de transportar á vila durante eses días á realidade de cada país. As fachadas, os interiores e as terrazas deberán ser engalanadas con materiais propios da época indiana: palma, bambú, plantas tropicais, faroliños, banderolas… Nas terrazas serviranse cócteles tamén desa época coma mojitos, caipiriñas, etc”.

A organización do Ribadeo indiano recomenda que “os hostaleiros se caractericen de temática indiana, quedando á súa libre disposición calquera outro tipo de actividade a realizar no seu local. Todos os establecementos que participen quedarán incluídos dentro das actividades xerais do evento e recibirán unha distinción especial durante a festa”. Os interesados en participar poden comunicar a súa decisión e o país elixido ata o vindeiro luns, 30 de xuño, no seguinte número de teléfono: 982 120 565 e na seguinte dirección de correo electrónico: ribadeocca@gmail.com