O rexedor sinalou que “aquí, en Ribadeo, sempre nos gusta aproveitar o que temos para poñelo en valor, se cadra, un chisco máis. De aí que, xa que temos unha moi boa hostalería, principiamos nesta fin de semana este Ribadeo de tapeo, que se vai desenvolver do 10 ao 18 de maio e sen dúbida vai traer moita xente, como tódolos anos, e vai ser un elemento de dinamización do tecido económico local da vila de Ribadeo e tamén nas parroquias, porque o Ribadeo de tapeo non soamente é nos bares e restaurantes da vila senón tamén nos de varias parroquias do noso concello”.

Suárez Barcia dixo que “tamén temos que poñer en valor a riqueza natural que temos, como esta xoia que é a praia das Catedrais, onde mañá empezan as actividades do Xeolodía, no que toda esta riqueza natural vai ser explicada a través dos ollos dun xeólogo. Para esta actividade xa temos totalmente cubertas as prazas, pero haberá máis días e temos que facer o posible para ir concienciando á xente, tanto á do concello de Ribadeo como a de fóra, sobre a riqueza económica que temos, no sentido natural, e que iso temos que conservalo, regulalo e que funcione para todo o ano, non soamente para 15 ou 20 días”.

O alcalde convida “a todas as persoas de Ribadeo, de fóra, da Mariña, do Occidente asturiano a que se sigan achegando, como o fan, a Ribadeo; que aproveiten as escusas que temos, ben sexa o tapeo ou as actividades lúdicas ou culturais que estamos promovendo dende o Concello de Ribadeo para, facendo entre todos, ir consolidando esta pequena cidade entre Xixón e Ferrol na que temos convertido a Ribadeo”.