O rexedor referiuse ao sabotaxe do que foi obxecto “unha empresa de transportes coñecida e importante da localidade, á que lle fixeron unha desfeita tremenda, desde pincharche as rodas dos vehículos tractores e dos remolques ata cortar os depósitos de combustible e ocasionar unha poza de gasóleo importante”.

Suárez Barcia relatou que “ese gasóleo discorreu polo regato que tiña máis preto e foi dar ao mar, concretamente á praia dos Castros, provocando alarmas xustificadas desde o punto de vista medio ambiental”. O alcalde de Ribadeo dixo que “estamos á espera de que veñan os biólogos da Xunta a tomar mostras no entorno da praia para ver si están afectados os bancos de percebe ou de ourizo. Será aproveitando a baixamar deste mediodía, pero en todo caso con moita prudencia gustaríame dicir que o dano está minimizado”.

O rexedor explicou que “cando se provocou esta sabotaxe, na noite do sábado ao domingo, a marea estaba alta, nestes días hai mareas bravas, fortes, que contribúen a eliminar todos os posibles vertidos ao mar. E ao mesmo tempo a chuvia deste días tamén axuda a diluír os efectos nocivos deste gasóleo”.

Fernando Suárez Barcia confía en que “o areal estará en perfecto estado de uso para a Semana Santa, e ao mesmo tempo agarda que non estean afectados os bancos marisqueiros porque sería un problema grande para todas as mariscadoras desta concello”. O alcalde lamenta “por enriba de todo as perdas ocasionadas a esta empresa que da traballo a unha chea de familias e da comarca. Foran cales foran os motivos deste xeito non resolven os conflitos”.