Fernando Suárez sinalou que “estamos diante dunha iniciativa tan positiva que chegou á súa quinta edición, unha iniciativa promovida polo Concello de Ribadeo e onde pretendemos facer da nosa gastronomía unha festa arredor dos productos de calidade, do bó facer dos profesionais e da acollida do público. Eu penso que nestas tres cuestións, como se di habitualmente, a clavamos, tanto nos productos de primeirísima calidade que todo o mundo ofreceu, como no bó facer de todos e cada un dos 49 establecementos que participaron e pola acollida magnífica dos milleiros de persoas que nestes nove días degustaron as tapas tanto en Ribadeo, como en Rinlo, Remourelle ou Covelas”.

O rexedor suliñou que “ainda que sempre decimos que o importante é participar, tamén ten que haber uns gañadores e un xurado moi profesional composto por xornalistas, profesores de universidade, críticos gastronómicos e membros do Centro Superior de Hostelería de Galicia escolleron unha serie de tapas gañadoras e outorgaron dúas mencións especiais: unha ao Cabás, pola recuperación do recetario tradicional e outra á Cofradía de Rinlo, pola orixinalidade e o equilibrio no deseño da súa tapa. A mellor tapa creativa foi para O Cantón Bar pola súa tosta de queixo con fritura de tomate e pemento; a mellor tapa tradicional foi para A Ribeira polas súas fabas con callos e a mellor tapa do ano foi para La Solana pola súa sopa de verdina de Lourenzá e zamburiñas. Todos os establecementos foron merecentes do premio polo traballo e o esforzo realizado, pero o xurado determinou que éstes deben ser os gañadores”. Tamén foron finalistas: Casa Pepe, Costa Verde, El Duende, Kursal, Nevada, Queimada, Ribanzo e Taberna de Lola.

Suárez Barcia engadiu que “agora nos vindeiros días entregaremos todos estes premios e tamén o premio á mellor barra, que o propio público escolleu e os premios aos larpeiros de ouro. Ao mesmo tempo debo salientar, que a xulgar polas impresións que nos deron moitos dos establecementos participantes, nestes 9 días puideron ser vendidas unhas 50.000 tapas, tendo en conta que foron 49 os establecementos participantes e moitos deles superaron as 1.000 tapas vendidas e outros rondaron esa cifra. Eso é unha honra para Ribadeo, é un mérito o traballo en común tanto dos hosteleiros, do Concello, como dos que nos axudaron: o CCA e a Deputación. Unha iniciativa que ten un coste cercano aos 9.000 euros, pero os beneficios que xenera para economía local son maiores”.

O alcalde dixo que “da gusto pasear por Ribadeo, da gusto ver os establecementos ateigados de xente e a repercusión en positivo que ten para a economía local non ten parangón. Felicito a todo mundo e verémonos nuns días na entrega de premios aos gañadores desta quinta edición do Ribadeo de tapeo e aos larpeiros de ouro, que foron os que puideron rematar esta ruta de 49 establecementos”.