Fernando Suárez dixo que “agora, hai poucos minutos, cos meus colegas Francisco Javier Vinjoy, de Castropol, e César Álvarez, da Veiga (Vegadeo), no medio da Ponte dos Santos e no medio da Ponte de Porto, respectivamente. Os dous puntos onde Galiza e Asturias se encontran nestes tres Concellos. Simbolizando, neste primeiro domingo de verán, o reencontro logo de tantas semanas sen poder vernos entre os de acó e mais os de aló”.

O alcalde ribadense subliñou que “agora xa por fin os de Ribadeo e da Mariña xa podemos ir ao Occidente e viceversa”, despois de que esta pasada noite rematase o estado de alarma decretado tras a aparición do Covid-19.

Suárez Barcia amosouse moi contento, pero fixo unha chamada á precaución: “con todo, sigamos mantendo todas as precaucións e actuemos con xeito, non vaia ser o demo que nos teñamos que volver separar. Coidemos que non. Saúde e bo domingo a todas e todos. Seguimos!”.