O concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso, contou que “durante as próximas 6 semanas, 30 mulleres en desemprego ou en situación de demanda de mellora de emprego participarán no programa gratuíto de dixitalización de mulleres do rural galego, que será impartido nas aulas do Concello”. 

O edil ribadense subliñou que “con esta formación, organizada a través da Área de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo e financiada pola Unión Europea, búscase mellorar as capacidades dixitais das mulleres residentes en zonas rurais, para incrementar o seu nivel de empregabilidade, de emprendemento e tamén de reducir a fenda de xénero existente neste sector da poboación tanto no acceso como no emprego das novas tecnoloxías”.

Vizoso Galdo indicou que “a formación impartirase a través de 3 módulos formativos, de 40 horas cada un, comezando nas dúas primeiras semanas co módulo de Competencias Dixitais Básicas, ao que seguirán o de Competencias Dixitais Avanzadas e rematará cun módulo específico de Competencias para o Emprendemento”.

O concelleiro de Desenvolvemento Local adiantou que “debido á alta demanda desta iniciativa e ao número de persoas interesadas que quedaron en listaxe de espera, estámonos a plantexar a posibilidade de iniciar un segundo grupo de formación en horario de tarde”.