Desde a Concellaría de Igualdade, a través do Centro de Información ás Mulleres, desenvolveuse un programa formativo en materia de igualdade que se denomina #laretasdaigualdade nos centros de educación secundaria de Ribadeo, a través da posta en valor da aprendizaxe, da creatividade individual e grupal e da comunicación social.

Desde Igualdade e desde o CIM sinalan que “coas accións  propostas no marco de #laretasdaigualdade promoveuse en diversos formatos a mensaxe da igualdade e da non violencia contra as mulleres. A gala Laretas da igualdade terá lugar o vindeiro xoves, 14 de abril, ás 20.00 horas no Teatro. No transcurso da gala poderemos ver o Decálogo de publicidade sexista que fixo o propio alumnado e ademais exporanse todos os traballos que se presentaron tanto ao concurso de carteis contra a violencia de xénero  como ao concurso de anuncios non sexistas ou vídeo memes”.

Nesta mesma gala faranse entrega dos premios aos equipos gañadores á mellor curta  segundo un xurado profesional e a mellor curta a nivel popular, por medio de votación nas redes sociais. Os premios son un vale de ACISA por valor de  250 euros  e o segundo premio, un vale por importe de 150 euros.

E engaden que “ademais poderemos ver os diferentes carteis que se presentaron ao concurso de carteis contra a violencia de xénero e que serán a imaxe das IX xornadas de abordaxe integral da violencia de xénero desde o ámbito local, que terán lugar os días 22 e 23 de abril. Nesta categoría farase a entrega de tres premios: unha tablet de 7 pulgadas, uns auriculares inalámbricos con bluetooh e un pen drive”.

O CIM e a Concellaría de Igualdade convidan “a toda a cidadanía ribadense a participar nesta gala da publicidade non sexista onde poderemos ver os traballos feitos polo alumnado da ESO dos centros educativos do Concello”.

E mañá, sábado, terá lugar o curso de autodefensa para mulleres, que organizan a Concellaría de Igualdade e o CIM, e que será impartido por Crysti Tojo, cinturón negro 3º Dan de Karate, cinturón negro 1º Dan de Goshin, Directora do Departamento de Arbitraxe da Federación Galega de Karate, Directora do Clube Deportivo Avalon Kai e por Mai Insua, Psicóloga e  Terapeuta Sexual e de Parella especializada en xénero.
Será de 16.00 a 19.00 horas no ximnasio do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo Fierros.