Xa se coñecen os nomes dos gañadores do XII Ribadeo de tapeo. Un xurado profesional composto por cinco persoas, que estiveron probando e xulgando as tapas presentadas a concurso desde as cinco e media da tarde nas instalacións do hotel restaurante Voar decidiu que:

O 1º premio fose para El Oviedo (Polbo en salmoira de dashi, escabeche suave de algas e espuma de mar)
O 2º premio foi para A Mirandilla (Gua Bao Mex)

E o 3º premio para o Parador de Turismo (Crocante de bacallau)

O premio Tapa de Ribadeo lévao La Villa (Hai roupa tendida)

O xurado decidiu tamén realizar mencións para: AG Porcillán (¿Quén corta o bacallau?), Fumarel (Empanada aberta) e Marinero (Relaxing bocadillo of calamares in Porcillán)

Segundo acaba de explicar a concelleira de Turismo e Desenvolvemento Local, Ana Martínez, “o xurado destacou a alta calidade das tapas que se presentaron a concurso e que foron unhas vinte”. A edil nacionalista tivo palabras de agradecemento para “os membros do xurado polo traballo realizado ao longo desta tarde-noite e tamén para os 52 locais que participaron no XII Ribadeo de tapeo”. Martínez felicitou tamén aos gañadores.

A entrega de premios terá lugar o 3 de xuño no Cine Teatro, nun acto no que tamén se escoitará aos grupos participantes na segunda edición dos Cantos de Taberna. Nuns días coñecerase a elección do público, que elixe tamén a mellor tapa e a mellor barra.

O xurado do Ribadeo de tapeo 2017 estivo formando por Carlos Maribona, xornalista dende fai 44 anos e crítico gastronómico dende fai 25, leva doce anos co seu  blogue Salsa de Chiles. É columnista tamén en XL Semanal, profesor de Universidade e premio Nacional de Gastronomía entre outros moitos galardóns. Tamén estivo José Antonio Campoviejo, responsable del El Corral del Indianu, un dos sete restaurantes asturianos con Estrela Michelin, e un dos grandes valores da cociña asturiana. Polo Voar pasou Hector López, membro do Grupo Nove e cociñeiro do restaurante España, de Lugo, onde traballa co seu irmán Francisco, apostando por unha combinación comedida, pero perfectamente definida, entre a herdanza ortodoxa e o “aggiornamento” dunha despensa rural, tanto de montaña como de litoral, participou como xurado no programa culinario Desafío nos fogóns, de Televisión de Galicia, así como nos inicios do Ribadeo de Tapeo. E tamén estiveron Miguel Ángel Sánchez e Ana Martínez, que son profesionais da hostalaría.