De éxito rotundo cualificou a concelleira de Desenvolvemento Local, Ana Martínez, a décima edición do concurso gastronómico Ribadeo de tapeo, que concluíu onte. Durante os dez días de duración desta cita vendéronse arredor de 60.000 tapas.

A edil nacionalista dixo que “Ribadeo de tapeo foi, por décimo ano consecutivo, un éxito rotundo. Foino porque apela á nosa cultura, aos nosos costumes, á tradición de compartir, cun viño e algo de comer, a conversa e a amizades. Ribadeo de tapeo, é sen dúbida algunha o noso mellor escaparate gastronómico e as receitas deste ano volveron pór de manifesto a calidade e orixinalidade dos nosos/as profesionais e dos locais hostaleiros do noso concello, que entre eles e a grande cantidade de público que se achegou durante estes 10 días foron os que propiciaron este éxito”.

Martínez subliñou que “houbo unha grande participación de público, quizais acompañada polo bo tempo que tivemos estes días para disfrutar do tapeo. E durante estes dez días vendéronse unhas 60.000 tapas”.

A concelleira de Desenvolvemento Local felicitou “a todos os locais participantes, sen excepción, porque todos foron gañadores. Todos eles puxeron ilusión e teimosía, e souberon achegar aos clientes propostas atractivas. Queremos tamén agradecer ao xurado que fixo posible este evento e que se prestaron a exercer de xurado avaliador e que facilitaron a escolla final”.

Xurado – Quenda Preselección
• Ana Martínez Arruñada,profesora de Hostalería de Foz

• Miguel Angel Sánchez Méndez , especialista e profesional da hostalería

• Héctor  González Fernández , profesor de Hostalería

• Agustín Carro Loureiro , profesor de Hostalería

Martñinez indicou que “este xurado fixo unha escolla de 12 tapas do total de 51, que logo outro xurado xunto co anterior fixo a escolla final. Tamén grazas a todos eles”.

Xurado –  Quenda Final, estivo composto por:
• Begoña Rio Rodríguez , bloguera gastronómica

• Jose Manuel García Barreiro, locutor e condutor de CRTVG do programa “Come e Fala”

• Nuria PumaresBarrallobre, bloguera dun espazo en internet gastronómico

• Alejandro Iglesias Vázquez, cociñeiro profesional 

O fallo do xurado foi o seguinte:
• Premio a Mellor Tapa: Ceviche mixto con toques galegos e caipisour do establecemento Tmos.

• Segundo  Premio: O ouro do galeón, dobrón de xiba e polvo coa súa tinta e ouro de La Solana.

• TerceiroPremio: Isto non é o que parece, do Hotel AG Porcillán.

• Tapa Ribadeo: Hamburguesiña da horta do establecemento Amodiño.

As tapas finalistas, xunto coas anteriores foron:

-Salmón mariñado sobre crocante de espelta e xeado de queixo, da Cervecería O Alén.

-O polbo. Versión 2015, do Hotel Restaurante O Cabazo.

-Cen por cen galego, de Casa Pepe – Piano.

-Bocadiño de tenreira galega, de A Dorada do Cantábrico.

-Anna Botella, do Galipizza.

-O Bocadillo das Viaxes, de A Mirandilla.

-Gominola de mencia e solombo de boi en dúas texturas sobre biscoito sifón de El Oviedo.

-Trampatollo, o pasteliño que quixo ser salgado, do Parador de Ribadeo. 

Falta por coñecerse o premio da mellor tapa para o público e tamén a mellor barra. “Noraboa a todos e a todas polo éxito conseguido”, rematou engadindo Ana Martínez.