A concelleira Mariluz Álvarez Lastra dixo que “evamos oito anos facendo unha serie de actividades nestas datas coma charlas ou talleres para as mulleres do noso concello. Iniciamos unha nova andaina este mércores, 14 de maio, cun obradoiro de risoterapia que terá lugar na sala Sonda Norte, na Casa da Xuventude. Será en horario de 18 ao 20 horas todos os mércores ata o 4 de xuño. Será impartido por unha psicóloga, que xa traballou con nós, que é Laura López”.

A novidade dos VIII Foros Permanentes para as Mulleres será a creación dun grupo de axuda mutua e apoio psicolóxico, “trátase dunha serie de charlas e de talleres destinados a aquelas mulleres que poidan estar vivindo algún tipo de situación traumática ou de crise, enfermidades crónicas, depresión, estrés, ansiedade, calquera problema que non sexamos capaces de superar e que precisemos compartilo con outras persoas e recibir atención psicolóxica dun profesional”. Este obradoiro estará dirixido pola psicóloga Juana Blanco, dará comezo o 20 de maio e será os martes, durante catro meses, de 18:30 a 20 horas na Casa da Cultura. O grupo reunirase e traballará dúas veces ao mes. A edil de Igualdade sinalou que “son unha serie de terapias, de encontros, de intercambio de impresións e de axuda mutua entre mulleres que estean vivindo situacións dificultosas. É algo totalmente confidencial tanto a asistencia como os temas abordados. O grupo ten que ser estable, estará formado por un mínimo de 8 mulleres e un máximo de 15”.

Os VIII Foros Permanentes para as Mulleres tamén inclúen actividades lúdicas, “como os Domingos a pé. Así o 1 de xuño realizaremos un roteiro ás Fragas de Becerreira en Trabada. Acompañaranos Teresa Díaz, da asociación Pena Tallada. Sáese ás 11 da mañá e vólvese ás 17 horas. Esta é unha actividade totalmente gratuíta. E remataremos o 15 de xuño cunha viaxe ao Spa de Vilalba, como xa fixemos o ano pasado. Haberá unha sesión de baño no clube termal, unha clase de ximnasia na auga e acceso ás saunas. Ésta é a única actividade que ten custe, e será de 15 euros”. Para participar en todas estas actividades as interesadas deben anotarse no Centro de Información ás Mulleres, no teléfono 982 120 739, porque as prazas son limitadas.