O paro está convocado desde as 12 da mañá até as 14:00 horas, cunha concentración diante do Concello ás 12:30 horas, “á que se unirán as mulleres doutros sectores, as estudantes, as paradas e as coidadoras que poidan parar, xa que todas non poden”.

No chamamento realizado desde a Concellaría de Igualdade explican que “temos moitos motivos para parar; non queremos que haxa nin unha menos; o noso traballo de coidados non se valora nin se visibiliza; non temos igualdade no emprego; os nosos corpos seguen a ser mercantilizados; queremos decidir por nós mesmas ser nais e non selo; somos insumisas ao sistema patriarcal; non nos deixan parar; queremos visibilizar que sen nós o mundo para. Se paramos todas, paramos todo”.