A edil nacionalista explicou que “un ano máis o Concello de Ribadeo estará presente na Feira Internacional de Turismo de Madrid (Fitur) si ben este ano farémolo dun xeito un pouco diferente á pasada edición. Este ano ímonos centrar máis en manter diferentes reunións con empresas e organismos do sector turístico para situar o destino Ribadeo dentro dos circuítos de axencias e touroperadores tanto a nivel nacional como internacional, para o que xa contamos, desde logo, cunha apertada axenda. Falamos disto porque en base aos datos que vamos recollendo na oficina de turismo concretamos desde que lugares se interesan máis polo noso destino. E queremos incidir en que esa xente que busca información para vir a Ribadeo non só veña e se vaia, non só visite a praia das Catedrais senón que se quede, que pernoite e que ademais tamén poida visitar o resto da Mariña”.

Ana Martínez sinalou que “nesta ocasión o que vamos facer en Fitur é algo diferente ao do ano pasado, cando presentamos a campaña Ribadeoxquesi xunto cunha páxina web de turismo novidosa na nosa contorna e durante todo este tempo esa páxina deu lugar a que nos visitaran máis de 25.000 usuarios. Iso creo que é importante por ese escaparate que podemos ofrecer ao resto do mundo, desde calquera lugar onde a xente poida querer buscar información sobre o noso destino”.

A concelleira de Turismo dixo que “falamos de Ribadeo como destino porque ten esa cultura e esa identidade propia que, desde logo, no marco da Mariña e da Mancomunidade, xunto cos que participamos no stand de Turgalicia, somos un importante punto de atracción na captación de visitantes non soamente para Ribadeo senón para toda a comarca. Eu penso que é un xeito de traballar importante e así é como vamos: da man todos xuntos para tentar que a xente que se interese por As Catedrais, por Ribadeo, por Burela, por Viveiro ou por Mondoñedo busque o que é estar máis tempo na nosa contorna, pernoitar e pasar aquí unha parte importante das súas vacacións”.

Martínez engadiu que “desde Ribadeo sempre buscamos adaptarnos ao perfil deses novos turistas, porque a evolución do turista é cada vez máis rápida, o turista cada vez busca cousas novas e diferentes, as súas demandas tamén son diferentes e aí tamén teño que agradecer e falar da importancia dos empresarios do sector turístico de Ribadeo. Cada vez son máis os que de dedican a este tipo de empresas, tanto de hostalaría como actividades de ocio ou de tempo libre, de actividades alternativas ao que é o propio durmir ou comer. Sempre están aí na vangarda, sempre están mellorando, buscando a calidade e iso é o que nós a nivel institucional temos que presentar, defender e vender durante estes días en Fitur. Alí estarei xunto a persoal técnico de Turismo do Concello e alí defenderemos e posicionaremos Ribadeo e comarca da Mariña xunto coa Mancomunidade”.