O presidente da comisión das festas patronais de Ribadeo, Juan José Otero, agarda que “sexa polo menos como o ano pasado ou incluso un pouco mellor”. E anunciou que “empezaremos a semana que ven a facer o libro, e despois seguido ata ter todo feito e arrancar as festas. Empezaremos tamén a visitar domicilios e negocios locais. Tentaremos facer todo o que é Ribadeo, como se fixo o ano pasado. Este ano subiu un pouco de nivel da festa con mellores orquestras e máis días, e pedimos que nos axuden e colaboren o mellor que poidan”.

O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, declarou que “por parte do Concello, e ademais digo case non por parte do goberno municipal porque penso que é da unanimidade da Corporación, expresarlle o agradecemento a estas persoas, a Juan, a Marta e a Avelino, que estiveron dando o mellor de si o ano pasado, en momentos complicados porque lles pedimos isto a última hora. Con moito esforzo, cambiouse de sitio, superáronse diferentes problemas de intendencia que houbo que resolver, pero as festas foron moi dignas e, ao noso xuízo, moi boas”.

O rexedor engadiu que “se trata de que se volvan facer outro ano, agora cun pouco de máis calma, pero trátase tamén de manifestar e de recoñecer o apoio pleno do Concello de Ribadeo para seguir axudando a esta xente que están traballando por todos e por todas nós. O noso compromiso e o noso apoio, non soamente neste momento senón nos días e nas semanas que vaian vindo en todas as actividades que se vaian facendo, e o agradecemento sobre todo”.

Ao igual que o ano pasado as festas patronais na honra de Santa María do Campo serán no parque.