O rexedor sinalou que “ao igual que non hai moito tempo moita xente cuestionaba que as festas da patrona de Ribadeo non tiñan a calidade doutras moitas que se puideran celebrar en calquera parroquia de calquera pequeno Concello dos arredores, debo dicir que tanto o ano pasado coma éste a calidade e a cantidade dos eventos dos festexos fai que Ribadeo volte estar no mapa das festas patronais que un concello poida merecer. Isto é importante e hai que valorarllo á comisión de festas porque moitas veces de maneira abnegada, con moitas incomprensións, ten que traballar, recadar diñeiro, etc”.

Suárez Barcia explicou que “digo esto de primeiras porque parece ser que a comisión de festas está molesta porque desde o Concello de Ribadeo lles poñemos algún límite aos horarios máximos das actuacións. Debo dicir que o goberno municipal de Ribadeo e o alcalde o somos para ben e para mal alcalde e goberno para todos, para os que nos votaron, para os que non nos votaron, para os que toman as copas nas festas, para os que sirven as copas nas festas e para os que nas festas durmen porque teñen que traballar ao día seguinte”. O alcalde asegurou que “por todos istes motivos o noso labor é máis complicado porque temos que conciliar intereses contrapostos, hai determinadas liñas que non podemos cruzar e non cruzaremos nunca, nunca cederemos a ningunha chantaxe, aínda que penso que non chegaremos a esa circunstancia”.

O goberno municipal pídelle á cidadanía de Ribadeo “que sexa comprensiva sobre todo os días grandes, o venres e o sábado, onde todo se pode alongar un pouco máis do debido. Pídolles comprensión aos veciños para que fagan o esforzo de aturar ruidos e música máis aló dos límites que poden ser normais. Pero tamén lle pido á comisión de festas que nos días de semana, que son de festa, pero tamén sabemos que hai moita xente que ten que madrugar, que ten durmir e descansar, porque non é igual ter un ou dous días de festa que ter seis ou sete… hai moita xente que se sinte moi incómoda con esta situación porque non poden pegar ollo durante toda a noite e pídolles que, con sentidiño, nos días de semana sexan consecuentes e razoables e que vaian cortando a música de xeito razoable para que a xente poida durmir unha parte importante da noite”.

Suárez Barcia indica que “o que se fale de nós por aí adiante repercute no comercio, repercute na propia imaxe de Ribadeo e nós nin estamos nunha parte nin na outra, as festas son de todos, todos temos que saber respectar, porque tamén eses días hai excesos, pero a outra parte debe saber comprender que hai moita xente que precisa descansar”.