O rexedor dixo que “quero aproveitar para desexarlles a todos os veciños e veciñas de Ribadeo que teñan unhas boas festas, aínda que seguro que xa as están a ter nestes días. Agora encaramos a fin de semana e as xornadas grandes. A pesares dos ríos de tinta que correron estes últimos tempos sobre as festas, posibles horarios e algúns malos entendidos eu creo que as festas son de todos, e entre todos Comisión de Festas, Asociación de Comerciantes e Concello, Amigos da Gaita, etc, faremos unhas das mellores festas que se recorden aquí en Ribadeo”.

Suárez Barcia considera que “si ben esta noite houbo moita xente e a anterior tamén agora coas actividades que nos ten reservadas a Comisión de Festas para esta fin de semana aínda haberá máis, con orquestras de primeiro nivel, cos Cocos que sairán mañá ás 18 horas desde o Cantón indo para o aparcamento municipal, e sen esquecernos dos foguetes que se van botar esta noite, no mesmo lugar que nos últimos anos, no porto a partires das doce”. O alcalde convida “a asistir a todos os veciños e veciños de Ribadeo, da Mariña e do Occidente asturiano, que sei que teñen como referencia Ribadeo para moitas cosas e para ben, por suposto, que non deixen de vir visitarnos, de vir disfrutar de todas estas actividades que hai, dos bares e dos restaurantes, que estes días están a dar o mellor de sí, tal e como fixeron durante o verán, para atender a toda a xente que tivemos neste 2012 aquí en Ribadeo e que agora con estas festas pretendemos prolongar aínda un pouquiño máis”.

Fernando Suárez dalles os parabéns “a todos os que están a organizar as festas, algúns deles saben que o alcalde ás veces se ten que disgustar un pouco, porque ten que tentar conciliar intereses contrapostos. Penso que ao final o entenden ben, creo que todo está a sair moi ben e agradézollelo a todos, ao igual que aos que de xeito altruista e indispensable colaboran para que estas festas vaian adiante. E aos que veñan visitarnos dicirlles que os recibiremos, soma sempre cos brazos abertos”.