Fernando Suárez manifestou que “agora en Ribadeo nesta prórroga do verán que significan sempre as festas da patroa do noso concello, acabo de emitir un bando onde dalgún xeito, de maneira desenfada quero case que obrigar por decreto a disfrutar e a pasalo ben a todos os veciños, a todos os que aínda están por aquí de visitantes e a todos os amigos e amigas dos concellos próximos que sempre se acordan de nós, de vir a Ribadeo. Neste bando explicamos os días e os horarios”.

O alcalde subliñou: “sobre todo quixera valorar e agradecer publicamente o intenso traballo que desenvolveu esta comisión de festas da patroa deste ano 2017, porque é un grupiño moi pequeno, sobran os dedos dunha man para contalos, e porque deron o mellor de si, cónstame, para facer as mellores festas posibles. Hai que destacar tamén o esforzo de intendencia e de apoio, e económico tamén por parte do Concello de Ribadeo que ademais estivo apoiado pola unanimidade de toda a Corporación Municipal, cousa que tamén é de valorar, de agradecer e de destacar”.

O rexedor contou que “as festas practicamente empezan esta tarde con actividades para os máis pequenos, despois á noite cun grupo no Cantón, e durante esta longa fin de semana con actuacións”.

Fernando Suárez lembrou que “este ano como todo o mundo sabe as festas da patroa recuperan o espazo tradicional, onde sempre foron e onde a demanda popular da xente nos indicou que se debería traballar para que volveran a este sitio”.

O alcalde ribadense confía en que “todo funcione ben. Os horarios que temos autorizados son os que marcan as normativas. Hai tempo máis que dabondo para gozar e para conciliar o dereito a descansar dos que teñen que traballar e o dereito á troula e á esmorga dos que queren pasalo ben, que sen dúbida vai ser moita xente”.

Fernando Suárez declara que “confiamos que entre todos teñamos unhas das festas da patroa máis importantes e atractivas dos últimos anos, por suposto sen desmerecer ningunha das anteriores”.