Suárez Barcia comentou que “agora que estamos xa nos momentos grandes destes días de festas da patroa, con todas as actividades que hai programadas para hoxe, o día 7, especialmente os fogos artificiais, as orquestras para esta noite, este espectáculo de luz e son que haberá ao fío da media noite e logo mañá con todas as actividades do día da patroa, festivo local, queremos valorar e recoñecer o traballo desta xente que forma parte da comisión de festas de Ribadeo: xente noviña pero ao mesmo tempo madura e que soubo facer un programa diverso, inclusivo, adaptado para os máis pequenos, para a xuventude e para a xente máis maior”.

O alcalde subliñou: “desde o Concello achegamos todo o apoio loxístico posible, axudámoslles técnica e economicamente, con 27.000 euros de fondos públicos, e tamén desde o punto de vista humano e administrativo con todo aquilo que puideron precisar. Tamén hai que valorar o resto de institucións públicas e privadas que achegaron o seu graíño de area, fose máis grande ou máis cativo, e de todas aquelas persoas que a título individual tamén participaron neste traballo colectivo que son as festas da patroa”.

O rexedor animou a acudir ás festas de Ribadeo: “e agora queda, polo tanto, pedirlle a toda a cidadanía -á de Ribadeo e aos nosos irmáns de concellos veciños- que fagan un parón nas súas vidas laborais para aproveitar estes días de festas en Ribadeo. Tempo haberá despois para seguir loitando con todos os problemas e desafíos que temos por diante como sociedade. Pero collamos folgos, fagamos un parón e disfrutemos destas festas da patroa 2022”.