O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, invitou esta mañá a ribadenses e visitantes a participar na segunda edición do Ribadeo Indiano, que bota a andar esta tarde e durante a fin de semana encherá as rúas de Ribadeo de actos de lembranza da emigración galega a América.

O rexedor dixo que este evento “é unha festa esperada, querida e sentida por toda a xente de Ribadeo”. Logo do éxito da primeira edición Suárez Barcia asegurou que Ribadeo promete ser nesta edición “un centro de interese turístico e cultural de primeira magnitude. Creo que en Ribadeo todo o mundo ten as súas vestimentas para caracterizarse ao xeito indiano, pero tamén xente doutros sitios, a xulgar pola ocupación altísima dos hoteis”, afirmou.

Ademais da festa e da promoción turística de Ribadeo, a festa indiana pretende servir de homenaxe aos veciños que buscaron unha mellor vida na emigración. O alcalde sinalou que “estes tres días de festa serven para recoñecer e valorar o traballo e a tristura dos que se tiveron que ir porque aquí non había traballo e había necesidades. Tiveron que marchar para América, posteriormente para Europa, e moitos non volveron, os menos triunfaron, outros sobreviviron simplemente, pero en todo caso todos levaron o recordo desta terra. Os que puideron, porque fixeron fortuna, acordáronse da terra que os viu nacer e puideron facer infraestruturas, actividades educativas ou edificios para que os que viñeron detrás puideran vivir un pouco mellor ca eles”.

Fernando Suárez Barcia lembrou algúns dos diversos actos que volverán situar a Ribadeo no tempo dos indianos. Entre eles, a charla que impartirá as 19 horas no Teatro o arquitecto Ernesto Cruzado Estévez sobre a Torre dos Morenos, os pasarrúas, o teatro e o pregón do indiano don Pancho. Boa parte dos actos vanse celebrar no quiosco da música da vila, situado no Parque de San Francisco, que ata agora estivo pechado por obras: “xa está aberto e non porque coincida con esta festa, nin moito menos. Xa nos gustaría que levara días aberto, pero as obras ás veces non se fan tan rápido como a un lle gustaría, nin as empresas son tan áxiles como a un lle gustaría, así que tivemos que recibir as obras un pouco axustadas no tempo. Deunos tempo a abrir na festa indiana e non hai 20 ou 25 días, como nos gustaría. O parque está a disposición dos nenos e nenas de Ribadeo e de fóra, para que proben a tirolina, as redes… Estes novos xogos que nunca houbo en Ribadeo e que seguramente farán as delicias dos mais pequenos”.

O alcalde destacou “a variedade de actividades que os visitantes e veciños poderán atopar no Ribadeo Indiano, dende gastronomía e música a conferencias de expertos sobre a historia da emigración: teremos actividades musicais, charlas, visitas guiadas ao casco vello e ás casas indianas que os seus propietarios teñen a amabilidade de ceder, o mercado de ultramar, o festival de habaneras. Son unha chea de actividades tanto en Ribadeo como nas parroquias con máis vinculación indiana, como Rinlo e a Devesa. Así que animo aos que aínda non mercaron a pamela, o sombreiro panamá ou a paxariña para que o vaian facendo porque Ribadeo Indiano vai ser unha autentica festa este fin de semana”.