O alcalde contou que “no medio do verán teremos este sábado, 4 de agosto, outra vez a festa do percebe de Rinlo. Desta volta vai ser a novena edición, nove anos xa desde que o Concello iniciou en solitario esta festa para promocionar e difundir un valor tan importante como o traballo da xente do mar, da xente de Rinlo, coñecida polos percebes e que logo nos últimos anos, neste tamén, xa son as componentes da agrupación de mariscadoras da confraría de pescadores de Ribadeo as que desenvolven esta festa tan coñecida xa non só a nivel de comarcal, senón a nivel galego e prácticamente tamén estatal”.

Suárez Barcia explicou que “na festa despáchanse cada ano centos e centos de kilos de percebe. Este ano os percebes que se están apañando son impresionantes, coma sempre. O prezo de venda da ración non se vai subir, van ser 12 euros por un cuarto kilo de percebes que levará incluida a súa cunquiña, que está, decorada para o día do evento”.

O alcalde ribadense convida “a todos os veciños de Ribadeo pero tamén a todos os da comarca da Mariña e do Occidente asturiano e a todos cantos visitantes nos están ateigando nestes días, aquí en Ribadeo. Si ben é certo que hai unha crise económica moi forte e a xente non gasta como gastaba desde logo en Ribadeo hai moitísima xente e estamos convencidos de que se achegarán en masa, como nestes últimos anos, a Rinlo, esta pequena parroquia urbana tan bonita e seguramente os 200 habitantes que ten se verán multiplicados por 20 ou por 30. Serán moitas persoas as que este sábado estarán no porto de Rinlo e tamén en todos os bares e restaurantes que se suman a esta iniciativa ofrecendo o mellor dos seus productos”.