Pombo explicou que se trata dunha “inspección rutinaria ás obras que acomete a Consellaría de Vivenda nesta vila”, a construcción de 30 vivendas de promoción pública de 2, 3 e 4 dormitorios con garaxe e rocho que suporán un investimento próximo aos 2,6 millóns de euros.
O delegado de Vivenda engadiu que estas vivendas serán para familias ou unidades de convivencia que non superen en 2,5 veces o IPREM, é dicir os 16.800 euros, e que irán en aluguer ou compra-venda en función dos ingresos de cada familia.
Cosme Eladio Pombo achegouse a Ribadeo para transmitirlle ao alcalde a petición de colaboración para que todas aquelas familias de Ribadeo que queiran optar a estas vivendas se inscriban no rexistro único de vivenda de promoción pública da Consellaría de Vivenda. O alcalde, segundo informou o delegado de Vivenda “amosouse aberto a que nas oficinas do Concello de Ribadeo tamén se poidan anotar estas familias para que logo cando remate a construcción destas vivendas se proceda ao sorteo”.
Cosme Pombo engadiu que “se trata de vivendas de calidade que forman parte do plan que a Consellaría de Vivenda está a acometer en toda Galiza e na zona da Mariña de Lugo, unha área que precisa de moitas máis vivendas de promoción pública para as persoas que non son capaces de acceder á vivenda libre”.
Dez anos de espera
O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, manifestou que estas vivendas suporán unha mellora importante para Ribadeo “xa que había dez anos que non tiñamos remesa ningunha de vivendas de protección oficial e agora, no prazo de 15 meses de execución, as familias interesadas poderán inscribirse nese rexistro único da Consellaría”. Así mesmmo, manifestou a súa vontade para, desde o Concello, “facilitarlles todo para que poidan apuntarse e que despois, as que cumpran con todos os requisitos, entrarán nun sorteo ante notario segundo o sistema que hai tempo que vén empregando a Consellaría para a concesión destas vivendas”.
Suárez Barcia agarda que “ésta non sexa a última remesa de vivendas sociais coas que conte Ribadeo e que non teñamos que esperar outros dez anos máis para volver a ter vivendas de promoción pública na nosa vila. Niso estamos traballando o Concello e Vivenda e agardamos que en pouco tempo poidamos dar máis noticias neste sentido”.