Malia que a asistencia de público ao acto non foi moi abondosa -o propio alcalde cifraba en 20 aos veciños presentes-, o rexedor quedou amplamente satisfeito dunha iniciativa que cre que todos os Concellos deberían levar a cabo “un pouco para render contas do traballo realizado ao longo do ano”.
Fernando Suárez expuxo a súa xestión aos presentes durante máis de unha hora. Neste tempo destacou a importancia que no Concello de Ribadeo teñen, ademais do equipo de goberno, o traballo do resto de grupos políticos da Corporación que, segundo Suárez “teñen un peso específico e moi importante como se viu, por exemplo, na aprobación inicial do PXOM ou en aspectos que requiren de maiorías cualificadas ou absolutas”.
Tamén houbo tempo para resaltar o esforzo feito durante este ano para desbloquear un tema tan salientable coma o da subestación eléctrica, que á súa vez permitirá dar vía libre ao polígono industrial. Outros temas tratados foron as iniciativas de Servizos Sociais, como o programa Xantar sobre Rodas ou a posta en marcha dun centro de día para enfermos de Alzheimer.
Ademais da exposición, os veciños tiveron oportunidade de soster un coloquio co alcalde durante máis de media hora, ocasión que o rexedor aproveitou para facer autocrítica xa que, segundo as súas propias palabras “ninguén é perfecto e ninguén fai todas as cousas ben”. Así Fernando Suárez admitiu que certos trámites, como a negociación do convenio colectivo dos traballadores do Concello, deberían ir máis rápidos.