O alcalde manifestou que “outro ano máis que se vai e outro que xa está na lumieira da porta. Este ano que se vai, xa nas súas derradeiras horas ímolo deixando ir, seguro que o fomos pasando como todos con ledicias e con tristuras, pero sempre traballando a reo e tentando facer as cousas o mellor que sabemos desde o goberno municipal de Ribadeo, con dedicación, con diálogo constante, con reflexión e con determinación, porque a verdade é que sen determinación tampouco saen as cousas”.

Fernando Suárez declarou que “desde o Concello aínda fomos facendo unha boa chea de cousas tanto na vila como nas parroquias ao longo deste 2017 que se nos vai”.

O rexedor ribadense dixo que “agora toda encarar o novo ano, con peticións de saúde sen dúbida, de cousas positivas para a nosa sociedade, pero tamén para expresar desexos de que poidamos seguir facendo unha boa presada de cousas por Ribadeo, tendo en conta que o orzamento municipal vai entrar en vigor para a semana que ven, o vindeiro 2 de xaneiro, sendo, e quero destacalo, dos poucos concellos con novo orzamento en vigor no primeiro día hábil do novo ano, o que nos vai permitir sen dúbida seguir traballando a reo e sen descanso”.

Suárez Barcia asegurou que “habemos seguir avanzando nos saneamentos, habemos seguir asfaltando e mellorando os viarios municipais nas parroquias, habemos sacar a licitación moi axiña a remodelación integral da rúa San Roque e da avenida da Ría de Ribadeo, habemos poñer a disposición da Xunta toda a documentación necesaria para poñer a andar a residencia de maiores, habemos seguir loitando e defendendo aos nosos paisanos e paisanas co único argumento do interese xeral e habemos, se fai falla, facerlles fronte a todos aqueles que desde outras institucións puxeron e seguen a poñer paus nas rodas”.

O alcalde engadiu que “agora que nestes días todo o mundo lle pide aos reis magos moitas cousas nós, que temos a cabeza e o corazón republicanos, confiamos que non nolo dea a divina providencia, senón a xustiza, a igualdade de trato, a razón e o sentido común. Agardemos pois que así sexa”.

Fernando Suárez quere “desexar moi boas festas de fin de ano e feliz aninovo para todos e todas”.